Bravo Bosch entrega os diplomas de 100 alumnos de 7 cursos formativos do II Plan galego de inclusión social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presidiu esta tarde no Centro Cultural, Artístico e Recreativo de Valadares a entrega dos diplomas dos 7 cursos formativos impartidos polos responsables do colectivo vigués nos últimos meses do pasado ano ao abeiro do II Plan Galego de Inclusión Social que leva a cabo a Consellería de Traballo e Benestar.

Bravo Bosch recoñeceu o traballo e a participación activa nestes programas do centro Cultural de Valadares que, coma dixo, contribúen a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social. De feito, algúns deles non puideron asistir hoxe a recoller o seu certificado por atoparse xa no mercado laboral.

Remataron os cursos un total de 100 alumnos e alumnas en 7 especialidades formativas. Concretamente, en repoboación forestal, peón forestal, axudante de cociña, camareiro de restaurante, bioconstrución, agricultor ecolóxico e aplicación informáticas foron as especialidades nas que estes mozos e mozas se formaron o ano pasado.

Durante un total de 1.650 horas teóricas e 150 prácticas recibiron unha formación orientada a mellorar a súa cualificación socioprofesional ademais de servirlles para adquirir e desenvolver habilidades sociais e hábitos prelaborais que lles facilitan o exercicio dunha profesión.

A delegada resaltou así a aposta do Goberno galego polas políticas de inclusión social e por programas deste tipo, que son posibles a través das subvencións destinadas a entidades de iniciativa social co fin de que realicen actividades que contribúan ao fomento da inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en risco de exclusión social. De feito, o Centro Cultural, Artístico e Recreativo de Valadares recibiu un total de 96.000 euros para a realización destes 7 cursos formativos.

A Xunta de Galicia, a través das subvencións destinadas ás entidades de iniciativa social, destinou no ano 2014 a cantidade de 3,7 millóns de euros a entidades de iniciativa social que traballan a favor dos colectivos máis desfavorecidos, o que supón un incremento do 14 por cento con respecto ao exercicio anterior.

Na provincia de Pontevedra foron 38 as entidades de inclusión social que se beneficiaron destas axudas no 2014, un 18% máis que no ano anterior. En concreto, 19 entidades deste tipo que recibiron subvención ao igual que o Centro Cultural de Valadares, teñen a súa sede no Concello de Vigo.

19 de febreiro de 2015 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.