Benestar ofertará 115 prazas públicas de 0-3 anos na Laracha tras ampliar a escola infantil
A Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Concello da Laracha, vén de ampliar a escola infantil desta localidade, que no próximo curso ofertará un total de 115 prazas de 0-3 anos divididas en 8 unidades. A ampliación supón un incremento de 41 prazas con respecto ás 74 que viña ofrecendo ata o de agora. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe as obras de ampliación, xunto co alcalde da Laracha, José Manuel López, onde destacou que o departamento autonómico e o Concello investiron nesta actuación 430.000 euros.
Mato resaltou que a ampliación do centro da Laracha, xunto coa construción da nova escola de Malpica, elevará ata 360 o número de prazas da Rede autonómica ‘A Galiña Azul’ que a Xunta oferta na comarca de Bergantiños en seis centros diferentes. Isto supón un incremento do 166 por cento das prazas nos últimos seis anos.
A titular de Benestar sinalou que o obxectivo desta actuación é seguir avanzando na conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, un dos eixos estratéxicos do Plan de Dinamización Demográfica, que o Goberno galego lidera por primeira vez na Comunidade.
A conselleira incidiu en que a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís é “unha ferramenta moi importante” na loita contra o problema demográfico que existe en Galicia e, por iso, destacou que desde 2009 puxéronse en funcionamento 3.800 prazas a través da rede autonómica A Galiña Azul. Isto supón un 70 por cento de incremento con respecto ás que había en 2009, tendo en conta as novas prazas de 0-3 anos que se ofertarán para o próximo curso escolar 2015-2016. O pasado luns abriuse o prazo de presentación de solicitudes cunha oferta de 9.294 prazas en 159 escolas. Na provincia da Coruña, o Goberno galego creou máis de 2.000, un incremento superior ao 113 por cento.
Mato salientou, neste senso, que grazas ao esforzo da Xunta, por primeira vez tense alcanzado en Galicia a ratio de 33 prazas públicas por cada 100 nenos e nenas en idade de acceso a unha escola infantil, que recomenda a Unión Europea. A oferta de prazas públicas sostidas con fondos autonómicos complétase coas escolas municipais, as escolas dependentes de entidades de iniciativa social e doutras entidades e máis de 1.000 prazas de cheque infantil, acadando un total de preto de 20.500 prazas sostidas con fondos públicos á disposición das familias galegas.
Obradoiro de emprego
Tras a visita ás obras de ampliación da escola infantil, Mato clausurou o obradoiro ‘Colaborando polo Emprego II’, que comparten A Laracha e Arteixo. En total, nesta iniciativa participaron 22 alumnos en situación de desemprego das dúas localidades, que hoxe recibiron o diploma que acredita a súa formación. A Consellería de Traballo e Benestar investiu nesta actuación preto de 200.000 euros. Este programa dá continuidade ao primeiro obradoiro ‘Colaborando polo Emprego’, organizado polos mesmos concellos, que contou con 24 beneficiarios e un investimento de 213.000 euros.
Nesta ocasión, o obradoiro centrouse nas especialidades de operacións auxiliares na organización e funcionamento de institucións deportivas e a dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil. Ao tempo que os alumnos se formaron nestas materias, realizaron actuacións de mellora das instalacións deportivas municipais e da programación cultural e deportiva.
Mato lembrou que “a aposta decidida” do Goberno galego por este tipo de actuacións enmárcase na súa liña de apoiar a formación certificada, xa que mellora a empregabilidade. De feito, lembrou que desde 2009, o departamento autonómico ten financiado actividades formativas e de recoñecemento da experiencia que permitiron que case 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade.
Así mesmo, a conselleira sinalou que o éxito dos obradoiros de emprego levou tamén en 2015 á Consellería de Traballo a blindar a orde anual de obradoiros e, ademais, publicou por primeira vez unha liña de axudas deste tipo de programas específica para menores de 25 anos, e que está incluída dentro do novo plan de Garantía Xuvenil. Así, en 2015 investiranse preto de 15 millóns na posta en marcha de máis de 70 obradoiros.
Nos últimos seis meses desenvolvéronse en toda Galicia 53 obradoiros aos que o Goberno galego destinou 9,6 millóns de euros. Con este financiamento acadouse a participación de 1.300 galegos e galegas. Á provincia da Coruña destináronse 2,8 millóns de euros co que se financiaron 15 obradoiros e participaron 32 concellos e 315 alumnos.
Por último, a conselleira destacou que Traballo e Benestar destinou á localidade da Laracha máis de 650.000 euros no eido social e laboral. Desde 2009, o investimento superou os 5,1 millóns de euros.











