Benestar oferta preto de 2.000 prazas públicas de maiores na provincia de Lugo
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, percorreu hoxe diversos centros de maiores e de discapacidade da cidade de Lugo para pulsar a súa realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario. En concreto, mantivo un encontro cos directores, traballadores e cos usuarios do centro residencial asistencial e ocupacional San Vicente de Paúl; centro ocupacional de Aspnais; e residencias de maiores A Milagrosa e As Gándaras.
A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.
A dependencia é unha prioridade para o Goberno galego. En concreto, na provincia de Lugo existen máis de 2.800 prazas públicas de maiores e para persoas con discapacidade. Para persoas maiores ofértanse preto de 2.000 prazas públicas, un 36% máis que en 2009 e máis de 800 para persoas con discapacidade, o que supón un 13,5% máis que en 2009.











