Benestar oferta na provincia de Pontevedra máis de 1.600 prazas para persoas con discapacidade
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou hoxe en Crecente a residencia para persoas con discapacidade ‘Nosa señora de Fátima e Cristo Rei’ das Esclavas da Virxe Dolorosa para coñecer de primeira man as necesidades do centro. En concreto, mantivo un encontro cos directores, traballadores e cos usuarios.
A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.
Piñeiro lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar está a investir preto dun millón de euros no mantemento de 60 prazas públicas nesta residencia que oferta servizos especializados aos seus usuarios.
A dependencia é unha prioridade para o Goberno galego. En concreto, na provincia de Pontevedra existen máis de 4.000 prazas públicas de maiores e discapacidade ás que a Consellería de Traballo e Benestar destina ao ano 57,4 millóns de euros. Para persoas maiores ofértanse máis de 2.400 prazas públicas, un 25% máis que en 2009 e preto de 1.600 para persoas con discapacidade, o que supón un 1,8% máis que en 2009.
Ademais, tal e como reflicten os orzamentos de 2015, a Xunta destinan este ano case 300 millóns de euros á atención á dependencia en Galicia, o que supón un incremento de 20 millóns de euros con respecto a este ano. Trátase, un ano máis, da partida que concentra o maior esforzo orzamentario da Consellería de Traballo.











