Benestar oferta 2.000 prazas públicas de maiores e máis de 800 para persoas con discapacidade na provincia de Lugo
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, percorreu hoxe diversos centros de maiores e de discapacidade da provincia de Lugo para pulsar a súa realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario. En concreto, mantivo un encontro cos directores, traballadores e cos usuarios do centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) de Sarria; o centro integral de discapacidade física de Bóveda; o centro de maiores de Monforte; e o centro ocupacional Abrente de Prodeme, en Monforte.
A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.
A dependencia é unha prioridade para o Goberno galego. En concreto, na provincia de Lugo existen máis de 2.800 prazas públicas de maiores e para persoas con discapacidade. Para persoas maiores ofértanse preto de 2.000 prazas públicas, un 36% máis que en 2009 e máis de 800 para persoas con discapacidade, o que supón un 13,5% máis que en 2009.
Ademais, tal e como reflicten os orzamentos de 2015, a Xunta destinan este ano case 300 millóns de euros á atención á dependencia en Galicia, o que supón un incremento de 20 millóns de euros con respecto a este ano. Trátase, un ano máis, da partida que concentra o maior esforzo orzamentario da Consellería de Traballo.











