publicidade hoxe

Benestar investirá 2,1 millóns de euros na residencia e centro de día de 80 prazas en Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal PortadaLugo
A-
A+
Beatriz Mato na visita ás obras

Beatriz Mato na visita ás obras

A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha unha residencia e centro de día na localidade de Foz que ofertará aos seus veciños un total de 80 prazas públicas (40 residenciais e 40 de atención diúrna). A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe as obras do futuro servizo social que comezaron o pasado mes de agosto e rematarán ao longo do próximo ano. O departamento autonómico está a investir nesta actuación 2,1 millóns de euros.

Mato explicou que o novo centro de Foz ofertará aos seus usuarios unha atención de proximidade e calidade, ao tempo que actuará como ferramenta de prevención, promoción da autonomía persoal e fomento do envellecemento activo. “Traballamos co obxectivo de que as persoas maiores non só poidan vivir máis anos, senón tamén que o poidan facer libres das situacións de dependencia”, sinalou.

As 80 novas prazas públicas da residencia e centro de día de Foz elevarán ata as 515 as da comarca da Mariña, das que o Goberno galego puxo en marcha 270, máis do dobre das que había en 2009. Na provincia de Lugo, ofértanse na actualidade preto de 2.000 prazas de maiores das que a Xunta puxo en funcionamento 528, é dicir, un 36 por cento máis das que había en 2009. En toda Galicia, Mato destacou que as prazas creadas polo Goberno galego para persoas maiores foron máis de 3.100, un 50 por cento máis das que se ofertaban nos últimos seis anos. En atención residencial o aumento é do 25 por cento (1.350 prazas novas) e en centros de día do máis do 170 por cento (1.600 prazas novas).

A posta en marcha de prazas públicas para persoas maiores é unha das prioridades da Xunta, segundo resaltou a conselleira, e, deste xeito, lembrou que Galicia é a segunda autonomía de todo o Estado con maior porcentaxe de servizos profesionais. Esta aposta polos servizos de calidade reflíctense, tal e como explicou Mato, nos orzamentos de 2015, que recollen un incremento de 15,3 millóns de euros en novos servizos para as persoas con dependencia. Entre as partidas que se aumentan destaca a destinada ao mantemento de prazas públicas en centros de maiores, que alcanzan os 82 millóns de euros, 4 millóns máis que o ano pasado. Ademais, o orzamento para o Servizo de Axuda no Fogar para a Dependencia aumenta en 8,6 millóns de euros, chegando aos 46,3 millóns de euros. Con este investimento, a Consellería prevé incrementar en 1.000 persoas o número de beneficiarios deste servizo en Galicia. No Concello de Foz o investimento en SAF dependencia supera o millón de euros desde 2009.

Obradoiro de emprego

Doutra banda, a titular do departamento autonómico visitou tamén hoxe aos 20 alumnos e alumnas do obradoiro de emprego ‘Serra da Cadeira’ que comparten os concellos de Barreiros, Lourenzá e Trabada. Este programa mixto de formación e emprego, no que a Consellería de Traballo e Benestar está a investir preto de 180.000 euros, rematará a próxima semana. Os seus participantes formáronse nas especialidades de albanelería e xardinería e levaron a cabo a mellora, rehabilitación e reforma de edificios e espazos de uso público das tres localidades. Así, por exemplo, realizaron a instalación das carpinterías de madeira da Escola de San Miguel en Barreiros; acondicionaron a área da Fraga de Belosiña, en Trabada; ou desenvolveron a instalación de casetas da Faba e stands para mercados dominicais e axardinamentos, en Lourenzá.

A conselleira sinalou que o éxito dos obradoiros de emprego levou en 2015 á Consellería de Traballo a blindar a orde anual de obradoiros e, ademais, publicou por primeira vez unha liña de axudas deste tipo de programas específica para menores de 25 anos, e que está incluída dentro do novo plan de Garantía Xuvenil. Así, en 2015 investiranse en global preto de 15 millóns de euros na posta en marcha de máis de 70 obradoiros. Nos últimos seis meses desenvolvéronse en toda Galicia 53 obradoiros aos que o Goberno galego destinou 9,6 millóns de euros. Con este financiamento acadouse a participación de 1.300 galegos e galegas. Á provincia de Lugo destináronse 2,3 millóns de euros co que se financiaron 13 obradoiros e participaron 42 concellos e 263 alumnos.

Formación dual

Por último, Mato resaltou que estes programas mixtos de formación e emprego non son os únicos que a Consellería de Traballo e Benestar desenvolve en colaboración cos concellos. Lembrou, por exemplo, que o ano pasado se puxo en marcha un novo programa de formación dual coas administracións locais, que en 2015 consolidarase. Na actualidade, un total de 188 traballadores e traballadoras de toda Galicia de 21 concellos e unha mancomunidade están contratados a través da formación dual. Na provincia de Lugo son 70 os traballadores beneficiados e o investimento é de 220.000 euros. En toda Galicia, a Consellería está a investir 600.000 euros en financiar a parte formativa e incentivar a contratación. Estes contratos están deseñados para menores de 30 anos desempregados e esixen, como mínimo, que o 25 por cento da xornada laboral se destine á formación.

Investimento no eido laboral e social

Mato resaltou que o investimento da Consellería en materia de emprego nos concellos de Foz, Barreiros, Lourenzá e Trabada superou en 2014 os 345.000 euros, sen ter en conta o financiamento do obradoiro, e no eido social foi preto de 700.000 euros, ademais da contía investida na residencia de Foz. Desde 2009, estes catro concellos recibiron por parte da Consellería preto de 10 millóns de euros, tanto no ámbito laboral como no social.

20 de febreiro de 2015 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.