publicidade hoxe

Benestar destinou 2 millóns de euros para financiar as escolas de iniciativa social da provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar destinou preto de 2 millóns de euros en 2014 para financiar 26 escolas infantís xestionadas por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra.

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe a escola infantil de iniciativa social ‘Sonrisas y Lágrimas’, na Illa de Arousa, á que se lle concedeu en 2014 unha axuda de máis de 70.000 euros e que ten autorizadas 66 prazas e 4 unidades.

Amparo González aproveitou a súa visita para informar de que o departamento autonómico investirá en 2015 máis de 3 millóns de euros para manter ao redor de 2.700 prazas en escolas infantís xestionadas por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro en toda Galicia.

Estas axudas ocúpanse de sufragar custos de persoal, de alimentación, así como outros gastos xerais de mantemento. A convocatoria, que en 2015 se adianta con respecto aos anteriores, prevé tamén a concesión dun anticipo de ata o 25 por cento cando o importe da axuda supere os 18.000 euros. Se non supera esta cantidade, o anticipo poderá chegar ata o 80 por cento.

Oferta pública de prazas

A directora xeral indicou que “esta liña de axuda vén a complementar a oferta da rede pública dependente do Goberno galego, xa que presta o seu servizo nas mesmas condicións que estes centros”. O Goberno galego ten marcado como obxectivo aumentar as prazas para nenos e nenas de 0-3 anos, como “unha das principais medidas para favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar”. É, ademais, un dos obxectivos principais fixados no Plan de dinamización demográfica, aprobado no Parlamento galego.

González aseverou que “a aposta da Xunta pola creación de prazas en escolas 0-3 é clara” e que nos últimos cinco anos incrementouse en máis do 60% a oferta das prazas públicas de escolas infantís, pasando das 5.430 que había en abril de 2009 á oferta actual que é de 8.783.

Ademais, o Goberno galego prevé de aquí a que acabe a lexislatura crear máis de 2.000 novas, o cal vai significar que cando remate o 2016 haberá o dobre das que había en 2009. Ademais, Amparo González destacou que no mantemento das preto de 9.000 prazas públicas que hai en funcionamento na actualidade investirase en 2015 máis de 25 millóns de euros.

10 de febreiro de 2015 | 12:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.