Benestar destina un millón de euros ao mantemento anual das 69 prazas públicas de maiores en Tabeirós

Coro Piñeiro co alcalde da Estrada na visita á residencia de maiores
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro,visitou hoxe a residencia de persoas maiores da Estrada para pulsar a súa realidade e escoitar de primeira man as demandas do centro. En concreto, mantivo un encontro co director, traballadores e cos usuarios deste servizo social que oferta un total de 40 prazas para persoas maiores autónomas, nas que a Consellería de Traballo e Benestar inviste anualmente máis de 860.000 euros. En global, na comarca de Tabeirós-Terras de Montes, incluíndo A Estrada, a oferta é de preto de 70 prazas públicas de maiores (para dependentes e autónomos) para as que o Goberno galego destina preto dun millón de euros ao ano para o seu mantemento.
Piñeiro lembrou que a dependencia é unha prioridade para o Goberno galego, aínda que destacou a importancia de atender as necesidades das persoas con autonomía para previr situacións futuras de dependencia. Por iso, Piñeiro lembrou que a Xunta está a traballar na elaboración da carteira de servizos especializados para persoas con autonomía.
A secretaria xeral, ademais, apuntou que en global na provincia de Pontevedra existen máis de 4.000 prazas públicas de maiores e discapacidade ás que a Consellería de Traballo e Benestar destina ao ano 57,4 millóns de euros. Para persoas maiores ofértanse máis de 2.400 prazas públicas, un 25% máis que en 2009 e preto de 1.600 para persoas con discapacidade, o que supón un 1,8% máis que en 2009.
Ademais, tal e como reflicten os orzamentos de 2015, a Xunta destinan este ano case 300 millóns de euros á atención á dependencia en Galicia, o que supón un incremento de 20 millóns de euros con respecto ao ano pasado. Trátase, un ano máis, da partida que concentra o maior esforzo orzamentario da Consellería de Traballo.
Por último, para rematar a visita, Piñeiro, acompañada polo alcalde da Estrada, José López, visitou a obra de adaptación do novo mercado, no que o Concello pretende ter un espazo destinado a servizos de promoción da autonomía e envellecemento activo, seguindo o novo modelo de atención da nova carteira de persoas autónomas.











