Benestar destina a Amicos 600.000 euros ao ano para o concerto de 54 prazas
A Consellería de Traballo e Benestar destinou máis de 4,5 millóns de euros en distintas liñas de colaboración con Amicos desde 2009, que inclúen o concerto de prazas, os plans de cooperación, cursos AFD, accións de voluntariado, fomento de contratación, ou os Centros Especiais de Emprego.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron hoxe en Boiro o novo Centro de atención integral a persoas con discapacidade desta asociación e que ofrece servizos de atención residencial, atención diúrna, terapia ocupacional, fomento da saúde, rehabilitación ou promoción da autonomía persoal, entre outros.
Na súa intervención, Mato destacou o “firme compromiso” do departamento autonómico coas persoas con discapacidade e as súas familias que se demostra co feito de que en 2015 incrementouse por segundo ano consecutivo o orzamento para a discapacidade, alcanzando en global a cifra de 100 millóns de euros, o que supón un crecemento de preto do 9% nos dous últimos anos.
No referente ao incremento de prazas públicas realizado co obxectivo de “garantir que as persoas con discapacidade poidan disfrutar da mellor atención, servizos e recursos”, Beatriz Mato indicou que desde 2009 creáronse 850 prazas para este colectivo, un 20% máis das existentes hai seis anos.
Actualmente, en Galicia hai 5.000 prazas públicas en centros de día, centros residenciais e centros ocupacionais para persoas con discapacidade, que supoñen un mantemento de 52,6 millóns de euros anuais. En concreto, con Amicos a Consellería ten 54 prazas concertadas cun investimento de 600.000 euros.
Emprego vinculado á discapacidade
A titular de Traballo referiuse tamén ao “papel fundamental” que xoga o emprego vinculado á discapacidade como “a mellor ferramenta de integración que existe”. En 2015 o departamento destina 17,7 millóns de euros aos programas de emprego para a discapacidade e, preto da metade dese presuposto, está dedicado a centros especiais de emprego, co obxectivo de subvencionar o traballo de 2.000 persoas con discapacidade en 114 centros de toda Galicia, seis de eles nun centro dependente de Amicos, ao que se destinan 12.000 euros ao ano.
Benestar comparte tamén con Amicos a súa preocupación pola atención temperá. Neste eido, hai un ano aprobouse o primeiro Decreto de Atención Temperá da Comunidade. A raíz da entrada en vigor deste texto, constituíuse o Consello Autonómico de Atención Temperá, un órgano adscrito aos departamentos de Sanidade, Educación e Benestar.
O Consello, co apoio dunha Comisión Técnica formada por persoal das tres consellerías, aprobou no pasado mes de decembro un protocolo de coordinación que crea a nova Rede Galega de Atención Temperá: un espazo común entre os sistemas de saúde, educación e servizos sociais, que, segundo explicou Mato, “vai permitir ofrecer unha atención verdadeiramente integral e eficiente, que satisfaga as necesidades dos nenos e as súas familias”.
Ademais, nos orzamentos para 2015 por primeira vez recóllese unha partida concreta para esta rede, de 312.000 euros, coa que se van financiar servizos específicos de atención temperá nos concellos. En total, no presente ano increméntase o orzamento para a atención temperá nun 162%.
Lei de Accesibilidade
Por último, Mato referiuse á Lei de Accesibilidade. A conselleira apuntou que se están a dar pasos adiante na actualización e mellora do marco lexislativo de Galicia, para adecualo aos tempos, demandas e necesidades actuais.
Así, a finais do pasado ano, o Parlamento de Galicia aprobou esta nova lei, un texto que foi froito do diálogo e consenso coas principais entidades que traballan no ámbito da discapacidade, que actualiza e mellora a anterior normativa de 1997 e que entrará en vigor no mes de marzo.
O obxectivo é acadar unha accesibilidade universal, que vai máis aló do concepto tradicional das barreiras arquitectónicas, regulando por exemplo o ámbito das novas tecnoloxías da información e comunicación.











