Autorízase o proceso expropiatorio para a reposición da pasarela peonil Agro en Arteixo
O Consello da Xunta de Galicia autorizou o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo traslado da pasarela peonil afectada polas obras de construción da rotonda de Sabón, entre as estradas A Coruña-Cee (AC-552), AG-55-Sabón (AC-551) e DP-0509, no Concello de Arteixo.
A obra levada a cabo pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a execución da glorieta de Sabón, posta en servizo no pasado decembro, obrigou á desmontaxe da pasarela peonil existente sobre a AC-551, que interfería cos viais proxectados na nova configuración do enlace.
Coa finalidade de repoñer a pasarela, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e o Concello de Arteixo asinaron o 19 de decembro de 2014 un convenio de colaboración. As obras a realizar foron definidas polo municipio coruñés nun proxecto aprobado por esa administración o 31 de decembro de 2014. A nova localización da pasarela sitúase sobre a mesma estrada AC-551, a uns 200 metros da súa localización previa.
Unha vez aprobado o proxecto, a AXI tramitará o decreto de utilidade pública e urxente ocupación dos e dereitos afectados polo traslado da pasarela peonil e subvencionará a actuación con 125.000 euros. O Concello de Arteixo redactará e aprobará o proxecto, executará as obras e asumirá as obrigas económicas derivadas do proceso expropiatorio, así coma as que excedan do importe achegado pola Administración autonómica.
A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á comunidade galega. Segundo o disposto na Lei 8/2013 de estradas de Galicia, a aprobación definitiva dos proxectos de construción implica a declaración de utilidade pública, da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, e da urxencia da ocupación.
Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que da lugar a realización da obra, segundo o previsto na Lei de expropiación forzosa.











