Áurea Soto recorrerá a sentenza que a declara indefinida no Concello de Santiago
A exedila de Urbanismo de Ourense, Áurea Soto, foi declarada traballadora indefinida do Concello de Santiago, pero recorrerá a sentenza pois os outros seis traballadores que, como ela, estaban na extinta empresa municipal Emuvissa, son agora traballadores fixos da casa do concello compostelano.
Fontes do ámbito da exedila confirmaron que recorrerá a sentenza do Xulgado de Santiago de Compostela, coñecida esta semana, que determinou que o Concello da capital galega debe incorporar a Soto, como traballadora indefinida pero non fixa, porque o acceso con esa situación, a unha administración pública, só pode facerse vía probas selectivas.
O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, explicou que Áurea Soto “foi empregada de Emuvissa, solicitou o recoñecemento de pertenza a esa empresa no momento da súa liquidación, formulou unha cuestión ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, remitida logo ao ámbito laboral, e resolveuse co seu recoñecemento como laboral indefinida”.
A Casa do concello, segundo o rexedor compostelano, “analizará o alcance e contido da sentenza e tomará a decisión que corresponda”, igual que “a señora Áurea Soto tamén tomará a decisión que corresponda”.
“Que eu saiba Áurea Soto non pediu o reingreso aínda, e polo tanto agardo a decisión de dona Áurea Soto para tomar a decisión que corresponda”, engadiu o rexedor.
Tras a extinción en 2011 da empresa municipal para vivenda de Santiago de Compostela, Emuvissa, os outros seis traballadores foron subrogados ou asumido polo concello como indefinidos, tras a aprobación nun pleno de finais de 2012.
A demanda dos traballadores para ser admitidos como fixos abordouse nun pleno municipal posterior, e aprobouse a súa incorporación como fixos pois pasaran probas selectivas. En ambos os dous plenos a situación concreta de Áurea Soto quedou fóra do debate.
En aquel momento estaba en excedencia forzosa pois dende 2008 era edil de Urbanismo no Concello de Ourense. A entón concelleira demandou no xulgado o recoñecemento como traballadora de Emuvissa, e nunha vista celebrada en outubro, reclamou a súa condición de traballadora fixa do Concello de Santiago, como se recoñeceu os outros seis traballadores. Tres meses despois de celebrarse o xuízo, a sentenza declarouna indefinida.
A situación dos outros seis traballadores da extinta Emuvissa motivou ademais unha denuncia xudicial presentada polo sindicato CSIF contra o Concello de Santiago, por aprobar a súa incorporación como fixos, segundo confirmaron fontes municipais da capital galega.











