Augardentes e licores tradicionais de Galicia ofreceu unha charla informativa no IES Sanxillao de Lugo

Charla no IES Sanxillao
O Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galicia continuou esta semana co seu programa de charlas informativas en centros de formación profesional. Nesta ocasión, o técnico Hixinio Rodeiro desprazouse ata as instalacións do IES Sanxillao de Lugo para ofrecer unha sesión sobre o funcionamento do propio ente, que se completou cunha cata dos distintos produtos amparados por esta Indicación Xeográfica Protexida.
Participaron un total de 11 alumnos de segundo curso do Ciclo de Grao Medio en Servizos de Restauración. Ademais de coñecer os distintos métodos polos cales se elabora a augardente, tamén tiveron a oportunidade de distinguir, a través dunha cata comentada, as características organolépticas de tres variedades de augardente de bagazo, a partir de albariño, godello e mencía. Sorprendeu especialmente a segunda das variedades, xa que non resultaba tan coñecida para os participantes na sesión.
Na cata comentada tamén falouse dos licores amparados polo Consello Regulador, así como da temperatura ideal para este tipo de bebidas espirituosas e a copa que se debe utilizar para degustalas. Deste modo, inténtase concienciar sobre a importancia de non consumir o produto nun vaso de chopo conxelado, senón nun cataorujos e a unha temperatura de entre 15 e 18 graos.











