As obras da EDAR de Ourense manterán cortado o acceso ao paseo das Ninfas durante os días laborables
O avance das obras de actuación “Mellora de saneamento de Ourense, Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR)”, provocarán desde este xoves día 5 de febreiro o corte ao acceso dos viadantes ao Paseo das Ninfas, na marxe esquerda do río Miño. Así, desde este xoves, e ata o 30 de abril de 2015, o camiño soamente estará accesible entre as 22 horas dos venres e as 8 horas dos luns, así como os festivos.
As obras son resultado dun convenio asinado por Acuaes, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para a execución e explotación das obras da actuación mellora do saneamento de Ourense, EDAR de Ourense.
O investimento das obras é de 49 millóns de euros, cofinanciados por tres administracións; 36.750.000 por parte da Administración Central, a través de Acuaes, 10.109.000 por parte da Xunta de Galicia e 2.141.000 por parte do Concello de Ourense.
O obxectivo da actuación é a construción e explotación das infraestruturas necesarias para completar e modernizar o sistema de depuración da cidade, mediante:
– A construción dunha nova depuradora, con capacidade de tratamento suficiente para satisfacer as necesidades de 350.000 habitantes equivalentes, o que supón o triple de capacidade da instalación actual. Poderá tratar completamente un caudal de 4.238 m3/h de augas residuais
– Prolongación do actual colector ata o bombeo de auga bruta da nova EDAR
– Demolición da actual depuradora
– Recuperación ambiental e paisaxística da marxe esquerda do río Miño, onde se ubica a planta, unha vez demolida a depuradora actual.











