As novas incorporacións do BNG de Carballo tratarán de aportar aire fresco ao grupo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Candidatos do BNG de Carballo

Candidatos do BNG de Carballo

Preto de cen veciñas e veciños de Carballo participaron o venres pola noite na asemblea aberta de presentación dos 12 primeiros membros da candidatura do BNG ás eleccións municipais de maio. Foron os 12 primeiros porque ese é o obxectivo a acadar nas urnas: despois de tres mandatos nos que a representación do BNG en Carballo foi medrando dende os seis concelleiros do período 2003-2007 ata os dez actuais, os vindeiros catro anos teñen que ser os da maioría absoluta.

O actual alcalde e aspirante á reelección, EvencioFerrero, presentou aos 11 compañeiros e compañeiras de viaxe. De Belén Lendoio, número 2, destacou o seu importantísimo labor á fronte da Concellería de Facenda para que o Concello de Carballo teña unha excelente saúde económica, cunha débeda de menos de 40 euros por habitante (a media dos concellos de máis de 20.000 habitantes é de 700) e sen necesidade de renunciar aos investimentos malia a situación de profunda crise que caracteriza o mandato que está a piques de rematar. De igual xeito subliñou “a capacidade de traballo e mesmo a cabezonería” do número 3, Xosé Regueira, para sacar adiante “os aspectos máis visibles” dos últimos anos: Derrubando Muros con Pintura, horto escolar, pedibús, metrominuto… A capacidade de xestión do actual goberno municipal ten outro dos seus referentes en Milagres Lantes Seara, número 4, polo excelente labor desenvolvido nas complicadas áreas de contratación e urbanismo, nesta última conseguindo sacar adiante por unanimidade a aprobación provisional do PXOM. Polo que respecta ao número 5, Luis Lamas, o alcalde cualificouno como a persoa que mellor coñece o territorio municipal, cada metro dos máis de 300 quilómetros de vías municipais e as necesidades de todos e cada un dos lugares das 18 parroquias.

Nos números 6 e 7 figuran as incorporacións, Mª CarmenUres García e Miguel Vales Mallo, que “reforzan e melloran esta candidatura naqueles aspectos que era preciso reforzar”, asegurou EvencioFerrero. “Calquera equipo, por moi bo que sexa, necesita algunha achega, e isto e o que supón esta proposta: as novas incorporacións aportan aire fresco, coñecementos, capacidade e máis perfís técnicos ao noso grupo, un equipo tremendamente cohesionado e eu creo que tamén tremendamente eficaz á hora de xestionar Carballo. Polo tanto, síntome moi agradecido a todas as persoas que renovaron o seu compromiso con Carballo. Esta é unha candidatura do conxunto da sociedade carballesa, e esperemos tamén que así sexa percibido polos votantes e que sigamos merecendo o apoio reforzado por parte dos veciños e das veciñas de Carballo”.

A boa xestión do actual goberno municipal reflíctese na presenza dos dez membros que o integran nos primeiros postos da candidatura: Mar Eirís, concelleira de Educación e Cultura, figura no nº 8; Marcos Trigo, edil de Deportes, Medio Ambiente e Formación e Emprego, no 9; Mª Carmen Regueira, titular de Terceira Idade e Sanidade, no 10; Inés Rodríguez, a última en chegar ao goberno, delegada de Igualdade e Benestar, no 11, e Daniel Pérez, concelleiro de Xuventude e Novas Tecnoloxías, no 12. “Doce concelleiros sería un moi bo resultado e por el imos loitar”, asegurou EvencioFerrero.

CANDIDATURA DO BNG DE CARBALLO

1. EvencioFerrero Rodríguez. Alcalde de Carballo

2. Belén LendoiroEsmorís. Licenciada en Filosofía. Profesora do IES PargaPondal e Concelleira de Facenda, Patrimonio, Festas e Participación Veciñal.

3. Xosé Regueira Varela. Deputado Provincial e portavoz dos grupos provincial e municipal do BNG. Concelleiro de Promoción Económica, Xestión Municipal e Normalización Lingüística.

4. Milagres Lantes Seara. Concelleira delegada de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Contratación, Feiras e Mercados.

5. Luis María Lamas Álvarez. Concelleiro de Obras, Servizos e Medio Rural.

6. María CarmenUres García. Licenciada en Ciencias Políticas. Forma parte do Consello Local do BNG sendo responsable de políticas da muller.

7. Miguel Vales Mallo. Enxeñeiro agrónomo. Veciño de Carballo.

8. Mª Mar EirísVillar. Ensinante con destino no IES PargaPondal. Concelleira de Educación e Cultura.

9. Marcos Trigo Facal. Licenciado en Educación Física. Concelleiro de Formación e Emprego, Deportes e Medio Ambiente

10. Mª Carmen Regueira Baldomir. Licenciada en Educación Física e Mestra. Actualmente é concelleira delegada de Terceira Idade e Sanidade.

11. Inés Rodríguez Muiño. Empresaria. Concelleira delegada de Igualdade e Benestar.

12. Daniel Pérez López. Avogado. Concelleiro delegado de Xuventude e Novas tecnoloxías.

7 de febreiro de 2015 | 20:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.