As Mariñas lanza un servizo de mediación na resolución de conflitos familiares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O pasado venres tivo lugar, na sede do Consorcio As Mariñas, unha reunión de traballo entre o equipo do Plan Coordinador de Servizos do Consorcio As Mariñas, representantes do Circulo de Mediación de Galicia (CIMEGA) e unha representante dos Servizos Sociais Comunitarios dos concellos, co fin de sentar as bases do novo Servizo de Mediación que dende a entidade supramunicipal vaise ofrecer a todos os Concellos que o integran.

Este novo Servizo de Mediación dependerá inicialmente do Plan Coordinador de Servizos Sociais e nace co fin de ofrecer unha alternativa extraxudicial a conflitos sociais de toda índole, pero preferentemente a aqueles de tipo familiar. Esta iniciativa ven motivada polos datos acadados nestes últimos anos nos que se está a observar un importante incremento nas problemáticas que teñen o seu orixe no eido da familia, ás que moitas veces se lles tenta poñer coto a través dos xulgados. Nesta reunión consensuáronse distintos aspectos relacionados coa posta en marcha do novo servizo (criterios, procedementos, protocolos,…) que permitirán que estes procesos funcionen dunha forma mais áxil e eficaz, unha vez que se inicie no próximo mes de abril, de acordo ao calendario que se pactou na reunión.

Os equipos de servizos sociais do Consorcio As Mariñas recibirán fomación específica impartida polos mediadores de CIMEGA, para explicar ao detalle as características e obxectivos de este novo proxecto. O Consorcio As Mariñas e os servizos sociais dos concellos apostan pola mediación como a forma mais axeitada para a resolución de conflitos, unha fórmula baseada no diálogo entre as persoas, no respeto e na responsabilidade. É por isto que o Consorcio considera que a provisión de servizos comúns deste tipo aos Concellos e o modelo axeitado para dar resposta, de forma viable, sostible e con garantías, ás necesidades da cidadanía.

2 de febreiro de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.