As alumnas do curso de auxiliar de comercio da BDT comezan o período de prácticas en empresas
Esta semana remata o curso de auxiliar de comercio incluído no Plan de Formación da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo. Mañá será o último día de asistencia ás aulas para as 25 alumnas, aínda que a maioría asistirán o venres ao curso de manipulación de alimentos co que se pechará o programa teórico (algunhas xa teñen o título, polo que están exentas). A falta das avaliacións finais dos titores, o nivel das alumnas é tan bo que, en principio, todas cumprirán os requisitos para pasar á seguinte fase: as prácticas en empresas.As incorporacións serán paulatinas, e antes de tomar contacto co mundo laboral as alumnas recibirán dúas sesións preparatorias.
As 80 horas de formación teórica que rematan esta semana dividíronse en tres grandes bloques: atención ao cliente (técnicas de comunicación con clientes, técnicas de atención básica a clientes, incluíndo a atención telefónica e a xestión das reclamacións; e a calidade do servizo de atención ao cliente); operacións auxiliares no punto de venda (reposición, reconto, e operacións de caixa deprodutos, animación do punto de venda, imaxe do establecemento, merchandising, técnicas e estratexias de venda, imaxe e etiquetado de produtos) e manipulación de alimentos. O complemento serán outras 80 horas de formación práctica.
Ao mesmo tempo, na BDT traballan xa na próxima acción formativa para os seus usuarios e usuarias. O día 25 terá lugar a presentación do curso de mozo de almacén, que constará de 70 horas teóricas e outras tantas prácticas. Como no caso de auxiliar de comercio hai 25 prazas, neste caso reservadas para desempregados de 25 a 50 anos de idade con menos de dous anos de experiencia no sector. Dende a Bolsa de Traballo convocaron onte aos 400 preseleccionados para as entrevistas que se celebrarán ao longo desta semana, e o luns 23 farase pública a lista de seleccionados.
O Plan de Formación da BDT para o primeiro semestre do 2015 continuará en marzo con cursos de preparación en competencias clave e talleres específicos de hostalería, tanto en servizos de restaurante e bar coma en cociña.











