Arousa en Bici solicitou a Cores Tourís colaborar na redacción dos proxectos de sendas peonís na comarca do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na reunión con representantes de Arousa en Bici

Cores Tourís na reunión con representantes de Arousa en Bici

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá un encontro cos representantes da asociación Arousa en Bici co obxectivo de recoller a súa demanda de participar na redacción dos proxectos de sendas peonís e carrís bici que a Xunta de Galicia vai a executar nas estradas autonómicas da comarca do Salnés.

Na reunión estivo tamén presente o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra, José Luis Díez.

O presidente da asociación, Emilio González, e o tesoureiro, Francisco Cuba, expresaron a súa vontade de colaborar neste eido coa administración autonómica “xa que podemos aportar a nosa experiencia tanto no eido do ciclismo como no coñecemento da comarca”.

A Xunta de Galicia licitou o pasado 5 de xaneiro un contrato destinado a analizar os treitos de estradas autonómicas no Salnés nos que resulta conveniente desenvolver sendas peonís ou vías ciclistas para o fomento de mobilidade sostible.

“Parécenos unha idea excelente, xa que nos apostamos polo fomento deste tipo de mobilidade, non só para o tempo de ocio, senón tamén para viaxar ata o traballo, ata a escola ou ata o supermercado”, explicou González.

A asociación considera importante promover o eixe Cesures-Cambados-O Grove, ter en conta a potencialidade das comarcas do Ulla, Caldas, Salnés, así como a posta en marcha de rutas ciclistas pola costa. “O obxectivo sería poder apostar por sendas cicloturísticas que unan todo o Salnés”, engadiu o presidente de Arousa en Bici.

Tal e como explicou, pola súa banda, José Manuel Cores Tourís, “o goberno autonómico investirá máis de 100.000 euros na redacción deste estudo, no que se proporán accións concretas que favorezan os desprazamentos a pé ou en bicicleta”. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas utilizará o produto destes traballos para programar u investimento de máis de 28 millóns de euros de fondos europeos que o presuposto comunitario 2014-20 destina ao fomento da mobilidade sostible en Galicia.

“Mediante este estudo, analizarase a situación actual en relación ás sendas peonís ou ciclistas na rede de estradas autonómicas, propoñéndose actuacións concretas para favorecer unha mobilidade urbana e interurbana máis sostible”, engadiu o delegado territorial, quen matizou que “de xeito especial, analizarase a execución de sendas que permitan unha conexión urbana-rural para evitar a utilización do vehículo privado de curto e medio percorrido”. Segundo explicou Cores Tourís, “ordenando os distintos modos de transporte mellorarase tamén a seguridade viaria”.

A área de estudo centrarase na comarca de O Salnés, “onde precisamente nós temos moito que ofertar, xa que levamos moitos anos percorrendo este área e somos coñecedores da súa idiosincrasia e das súas problemáticas en relación ao eido da bicicleta”, asegurou Emilio González. “Ademais, temos experiencia en colaborar con administracións neste senso, xa que tamén estamos a traballar coa Federación de Ciclistas Europeos que está a por en marcha tres rutas de ciclismo en España, unha delas con término en Santiago, a través doa rede ‘Eurovelo’, a rede europea de carriles bici”.

Segundo explicou o presidente da asociación arousana, trátase dun proxecto que ten coma obxectivo o desenvolvemento dunha rede de rutas de larga distancia para cicloturistas que permita atravesar Europa ao longo dun total de 66.0000 quilómetros, con dous obxectivos principais: estimular o uso da bicicleta como medio de transporte, e promover un turismo máis sostible e respetuoso co medio
ambiente.

Neste senso, o delegado territorial tamén destacou a labor que están a desenvolver tanto Turismo de Galicia como a Deputación de Pontevedra para a limpeza e preparación do Camiño Portugués de cara a que poida apostar polo ciclismo como un dos seus atractivos.

25 de febreiro de 2015 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.