publicidade hoxe

Apertura do prazo de preinscrición para a futura Escola Infantil do Temple

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

As obras da futura Escola Infantil do Temple que leva a cabo a Fundación Amancio Ortega camiñan, en palabras do alcalde, Manuel Rivas, “a moi bo ritmo”. Tal é así, que a Xunta inicia mañá o prazo de preinscrición para as escolas infantís da Barcala e desta nova do Temple. O pasado mes de xaneiro esta mesma Fundación, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Cambre asinaron un convenio para a construción dunha nova Escola Infantil que dea servizo á parroquia máis poboada do concello.

Segundo Rivas, a apertura desta nova Escola Infantil supón a creación de case un centenar de prazas distribuídas en seis módulos. “Supón un grande avance para a educación dos máis pequenos e un reforzo importante para a conciliación familiar”, apuntou Rivas. A escola contará con 770 metros cadrados de instalacións modernas e actualizadas que posibilitarán unha primeira fase educativa de calidade para os escolares. Coa posta en marcha deste centro, o goberno local asegura que se duplican as prazas que existen actualmente no municipio, que actualmente conta cunha Galiña Azul na Barcala que oferta ao redor de 80 prazas.

Todos os pais que o desexen poderán a partir de mañá martes presentar as solicitudes da nova Galiña Azul do Temple na escola da Barcala.

Por outro lado, o concello tamén enviou unha circular a todos os pais para que presenten a solicitude de admisión nos centros públicos de Cambre, instancia que deberán formalizar do 2 ao 23 de marzo (ambos os dous inclusive). Para facilitar os trámites tamén achega aos pais dos nenos que accederán por primeira vez ao centro educativo un certificado de empadroamento. Na páxina web pódese ler unha circular informativa para solucionar calquera dúbida sobre o proceso de admisión nos centros educativos.

23 de febreiro de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.