Apaixonante charla sobre Santiago con Jacobo Remuñán no ciclo Café Con…

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Coloquio Café con... Jacobo Remuñán

Coloquio Café con… Jacobo Remuñán

A pesar da intensa chuvia que caía esta tarde sobre Santiago, o público non quixo perderse o Café con… Jacobo Remuñán, unha mesa coloquio sobre a condición de cidade Patrimonio da Humanidade de Compostela. Os organizadores tiveron que poñer asentos extra para dar cabida a todos os presentes, e a mesa coloquio tívose que alongar máis do previsto para poder pechar todos os puntos formulados e para que todos os que querían participar puidesen facelo.

O evento comezou algo pasadas as cinco da tarde no hotel AC Pazo do Carmen. A directora de Galantiqua, Ana Paula Castro, foi a encargada de presentar aos participantes. De Jacobo Remuñán destacou “a paixón que sente polo que fai”, a minuciosidade nas súas obras e a importancia da súa muller, Jovita, coa que conta para todo. Remuñán, fotógrafo dende os 11 anos, “cando revelaba os carretes que os amigos lle deixaban” segundo explicou Ana Castro, fixo a súa primeira exposición con 16 anos. Sobre o seu vínculo coa cidade de Santiago, o propio artista contou como a cidade “se presta a buscar o ángulo axeitado”; e recordou como comezou a fotografar a chegada dos peregrinos: “son situacións bonitas, intensas. Durante moito tempo fotografaba ese momento porque si, e se me descubrían, pedíalles os datos e enviáballes as fotos”. Tras falar co artista, Ana Castro introduciu o resto de participantes da mesa-coloquio: o arquitecto Xerardo Estévez, o director do Museo das Peregrinacións Bieito Pérez Outeiriño e o Decano da Facultade de Xeografía e Historia Juan Manuel Monterroso.

Santiago para os seus habitantes

O coloquio pronto se centrou na cidade de Santiago, na súa declaración como cidade Patrimonio da Humanidade e no que iso supuxo e supón na actualidade para os cidadáns. Juan Manuel Monterroso foi o primeiro en sinalar algunhas das desvantaxes ou deficiencias deste título, ao dicir que “á xente que vive co Patrimonio non se lle di o que implica, as cargas que se lles esixen ao cidadán e a quen ten que xestionalos.

Nesta mesma liña, Bieito Pérez Outeiriño referiuse á formación da xente, á importancia dun “compromiso con vivir na cidade e con como vivila. Jacobo recordou como hai uns anos, cando expoñía, o grupo de xente que mostraba a súa obra na cidade “miraban ao futuro co pasado nos ombros”, mentres que agora di que non hai esa constancia do pasado; “estannos a quitar o aire e non nos damos conta”. Nese sentido incidiu na importancia de recuperar as institucións públicas, que “son patrimonio noso, non dos que mandan senón dos usuarios, temos que tratar de que funcionen”. Ante isto, o director do Museo das Peregrinacións falou dos temidos recortes, de como fan “que se perda a función pública”, e alertou da privatización, “que é un perigo moi gordo”.

Santiago para os turistas

Tras un frutífero intercambio de pareceres, Monterroso avisou tamén que nos estamos a xogar a identidade de Santiago como meta do camiño. Pedimos ao que vén a ver que saiba cal é a nosa identidade, pero nós non o temos claro”. Porque outro dos temas recorrentes na charla foi a importancia do turista, turista, dun “turismo de calidade, non só de cantidade”, como destacou Bieito Pérez Outeiriño, contrapoñéndoo aos datos de turistas chegados á capital de Galicia, que se incrementa constantemente. En relación a este punto, Xerardo Estévez resaltou a importancia dun turismo de continuidade, de facer a “viaxe de volta” dende Santiago a Europa e de fomentar que non se faga un paquete turístico de ano santo en ano santo.

Tras a charla, fíxose un breve inciso para que os asistentes se mesturasen nun ambiente máis distendido, e posteriormente procedeuse á visita guiada pola exposición de Jacobo Remuñán, onde o artista falou cos asistentes sobre a súa obra. En total, case tres horas do Café Con… que inaugura a exposición de Remuñán, que se poderá visitar no hotel AC Pazo do Carmen durante os próximos seis meses en horario ininterrompido. Ademais, e como aclarou Ana Paula Castro ao final do coloquio, esta edición é de novo solidaria: os organizadores destinarán o 30 por cento da venda ao Albergue de San Francisco.

SOBRE CAFÉ CON…

“Café con… ” é unha iniciativa nacida da inquietude de Ana Castro e David L. Salgueiro, fundadores de www.galantiqua.com, de promover a Arte dun xeito diferente, menos excluínte e máis próximo ao público: é por iso que o evento se desenvolve no hotel AC Pazo do Carmen – Autograph Collection en Santiago de Compostela. A eles uniúselles María Eiras para achegar o seu granito de area neste proxecto artístico-cultural. Todos os “Café con… ” organizados ata a data completaron o aforamento.

23 de febreiro de 2015 | 20:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.