Amplíase o prazo de participación pública do plan reitor de uso e xestión das Fragas do Eume

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se acorda ampliar o prazo de participación pública no que se atopa actualmente o documento inicial do Plan reitor de uso e Xestión do Parque Natural das Fragas do Eume. Co obxectivo de que todos aqueles interesados (administracións, asociacións ou particulares) teñan tempo suficiente para presentar as súas consideracións ao documento, a Xunta de Galicia prorroga o prazo de participación pública, que remataba este vindeiro mércores, ata o próximo 26 de febreiro.

O Goberno galego anima aos cidadáns a facer as súas achegas a este documento preliminar, que pode ser consultado na Dirección Xeral de Conservación da Natureza en Santiago, no departamento territorial da Consellería de Medio Ambiente na Coruña, nas oficinas do Parque Natural das Fragas do Eume, ou na web http://www.cmati.xunta.es .

Dende a Xunta recórdase que se trata dun documento inicial que está comezando a súa tramitación e no que se pretende acadar o máximo consenso cos axentes implicados. A Xunta vén traballando nesta liña a través das diferentes roldas de contactos que promoveu a Dirección xeral de Conservación da Natureza para coñecer a opinión dos distintos colectivos.

Paralelamente a este proceso de participación pública a Xunta está a traballar na redacción do documento ambiental estratéxico. Unha vez que se finalice o período de participación pública, e se incorporen a este documento preliminar as achegas remitidas polos interesados, obterase xa un anteproxecto de decreto do Plan Reitor, que deberá superar un período de información pública e audiencia aos interesados de dous meses. Neste período será tamén cando se recaden os informen sectoriais preceptivos.

Tal e como se recolle no documento establécense cinco programas básicos de actuación, que permitan facer compatible a protección dos espazos protexidos co uso público e que se desenvolverán en colaboración con outros departamentos administrativos da Xunta. Así, un dos programas céntrase nas actuacións sobre o medio físico, no que se abordan cuestións como a contaminación acústica, a erosión, os ecosistemas subterráneos, o aforro de auga e a depuración de augas residuais.

O segundo dos programas é sobre a biodiversidade, con medidas necesarias para o mantemento da paisaxe e de conservación de hábitats e especies; e o terceiro é o programa agropecuario e forestal, con actuacións específica para o sector primario. Tamén se define un programa de usos públicos e actividades culturais e un último, sobre as actividades científicas e monitoraxe, apoiando a elaboración de estudos específicos, como os centrados na incidencia dos herbívoros e domésticos no parque.

Dende a Xunta recoñécese que o Parque natural das Fragas do Eume ten unha gran potencialidade como destino turístico- que debe ser compatible a conservación do medio natural que ofrece este espazo-, o que fai necesaria unha eficiente colaboración entre os diversos axentes da zona para aproveitar as potencialidades como destino cunha importante riqueza natural.

As necesidades de conservación e restauración deberán compatibilizarse cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que viven neste territorio. Para tal fin, o plan apóiase nos seguintes instrumentos:

– Unha zonificación do territorio comprendido polo espazo natural, a partir da cal se definen as diferentes medidas de xestión que condicionen os usos, aproveitamentos e actuacións en cada unha delas.

– Unha regulación de usos e actividades, co fin de garantir os obxectivos de conservación da Rede Natura 2000, propostos polas directivas 92/43/CEE e 2009/147/CE, así como na normativa de ámbito estatal (Lei 42/2007, do 13 de decembro) e autonómica (Lei 9/2001, do 21 de agosto). Regulación que se establece de forma xenérica para todo o ámbito do espazo natural (ZEPA, ZEC) ou ben de forma específica para as diferentes unidades territoriais fixadas na zonificación do espazo (zonas).

Tendo en conta que un 80% da superficie declarada Parque Natural correspóndese con terreos de propiedade privada, está xustificado que se delimite claramente a zonificación do Parque e establecer unha regulación de usos e actividades. A aprobación do Plan Reitor de Usos e Xestión débese valorar como unha oportunidade de desenvolvemento das actividades económicas vinculadas á economía local compatibles coa conservación dos valores ambientais que motivaron a declaración do Parque Natural.

Obxectivos xerais

A tramitación do Plan reitor de usos e xestión (PRXU) do Parque das Fragas do Eume reafirma a intención da Xunta de facer compatible a protección dos espazos protexidos co seu uso público e goce por parte da poboación. O PRUX do Parque Natural das Fragas do Eume aborda a planificación de actuacións para o período 2015-2020, e ten por obxecto o desenvolvemento das normas de uso e xestión no parque.

Os obxectivos xerais deste documento, que se complementan cos retos que se establecen no Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia para as Áreas de montaña, son:

– A conservación da biodiversidade e dos procesos ecolóxicos esenciais, garantindo a preservación das paisaxes, os medios ecolóxicos e os hábitats, así como a conexión das poboacións de fauna e flora silvestres e preservando a diversidade xenética.

– O establecemento de medidas de xestión para o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos tipos de hábitats de interese comunitario contidos no anexo I da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade e das poboacións e das especies animais e vexetais dos anexos II e IV da mesma lei e dos núcleos poboacionais e especies protexidas incluídas na Listaxe de Especies Silvestres de especial protección, no Catálogo español de especies ameazadas e no Catálogo galego de especies ameazadas.

– Propiciar o desenvolvemento sustentable, favorecendo os usos e aproveitamentos respectuosos co medio.

– Integrar os obxectivos concretos de conservación coas esixencias económicas, sociais e culturais.

– Consolidar o réxime xurídico de protección establecido para o territorio.

– Promocionar un turismo sustentable dentro do Parque Natural.

9 de febreiro de 2015 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.