Alumnos do Luís Seoane asisten a un obradoiro para chegar ao portugués a través do galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Mañá venres, día 27 de febreiro, un grupo de 50 alumnos/as do ciclo de administración e comercio do centro de ensino de Monte Porreiro participarán nos obradoiros OPS! O galego a nosa vantaxe, desde as 9.50 e ata as 10.40 horas. Esta actividade, impartida pola Asociación Galega da Lingua (AGAL), complementa a conferencia que Marcos Maceiras, da Mesa, ofreceu a este grupo o pasado martes sobre “Galiza e as relacións con países de lingua portuguesa”.

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra ofreceu aos centros educativos, a principios deste curso, a posibilidade de realizar os obradoiros OPS! O galego a nosa vantaxe. Os obxectivos fundamentais desta actividade son poñer en valor a lingua galega, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos que a infravaloran, e mostrar a vantaxe de falar galego para poder comunicarse co mundo da lusofonía: de Portugal ao Brasil.

Preto de 400 estudantes de terceiro ciclo de primaria, ESO e bacharelato participaron nesta actividade no mes de novembro, aprendendo, ao longo de dúas horas lectivas, que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que, polo tanto, sabendo falar galego teñen unha clara vantaxe competitiva.

26 de febreiro de 2015 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.