Alumnos das universidades de Vigo e A Coruña inician prácticas en Navantia en Ferrol
Un total de 29 alumnos das universidades de Vigo e A Coruña iniciaron na mañá deste venres as prácticas laborais nas instalacións que Navantia ten na Ría de Ferrol. Os estudantes foron recibidos polo director dos dous estaleiros que a empresa pública ten nesta localidade, que os acompañou nunha breve visita e lles mostrou algunhas das dependencias que os acollerán durante os próximos meses.
Ademais, a chegada destes estudantes significa tamén o regreso de bolseiros a esta zona industrial, unha práctica habitual durante décadas que se había ininterrompido tras a paralización de convenios deste tipo coas universidades.
A chegada destes mozos foi posible tras a sinatura de dous convenios de cooperación educativa, dentro da lexislación vixente en materia de ensino universitario.
Todas as incorporacións foron para alumnos que realizan estudios técnicos, de graos, superiores e mesmo master, tanto na especialidade de industriais como de navais, estando previsto que cada un deles complete ata 750 horas colaborando en diversos departamentos de Navantia, tanto en proxectos coma en actividades nas que xa se está a traballar na actualidade.
BUQUES DESTRUTORES
As previsións da empresa pública é que estes estudantes participen no programa dos buques destrutores para a Armada de Australia baseados nas fragatas F-100 españolas, como no buque flotel que se constrúe para Pemex, así como na materialización dos jackets para Iberdrola ou no proxecto ‘LEAN’, un novo sistema de produción que busca mellorar os resultados e abaratar os custos, e que está implementar Navantia.
Tamén está previsto que acudan á oficina técnica e que participen nalgúns dos programas de enxeñaría que se está a desenvolver para novos clientes, ademais da área de turbinas, departamento que logrou chegar a ser unha referencia a nivel mundial con determinados traballos de turbinas de vapor.
Segundo explicou Navantia, o obxectivo destes convenios é “establecer un programa de prácticas académicas que facilite a preparación dos alumnos para o exercicio profesional en áreas operativas da empresa relacionadas coa súa formación universitaria”, ademais de promover “posibles saídas profesionais e o acceso ao mercado laboral dos futuros titulados universitarios”.











