Alberto Salcedo logra de novo o título de Campión de España
Alberto Salcedo puxo o broche de ouro á actuación da Sociedade Ximnástica no Campionato de España cunha fantástica medalla de ouro nos 200 metros, repetindo o título que conseguira en 2013. Unha medalla que viña anunciando dende o inicio da competición, nas primeiras series eliminatorias e que ratifico nunha final onde fixo marca persoal en pista cuberta con 21.29; un rexistro que pode ser o preludio para baixar dos 21 segundos na tempada estival.
A Ximnástica sumou ademais outros dous postos de finalistas, Lysvanys Pérez con 2,10 no salto de altura, estivo a pelexar polas medallas, pena que non puidese coa seguinte altura os 2,14; pero quedou con eses 2,10 e o quinto posto, o seu compañeiro Manuel Molinos, non puido superar os 2,05 e tivo que conformarse con 2 metros e o undécimo posto.
Julián Ortiz tiña serias opcións de repetir a medalla do ano pasado nos 60 metros valos, pero unhas molestias físicas nos primeiros metros da final obrigárono a parar, mala sorte para Julián que ten que conformarse coa oitava posición do Campionato e con marca persoal de 7.86 que fixo nas semifinais.
O resto de actuacións dos pontevedreses, a pesar de non conseguir un posto de finalistas, non se pode valorar como discreta, o só feito de chegar á cita de Antequera é de por si moi complicado.
Gonzalo Sánchez non pasou as primeiras eliminatorias dos 60 metros lisos, con 7.05 na súa serie non chegou para clasificarse para as semifinais. David Martínez non puido co ritmo que se impuxo no último quilómetro dos 3.000 metros e quedou noveno.
Os representantes da veterana Sociedade nos 800 metros, tiveron moi complicado o pase á final, había que gañar a súa serie semifinal ou esperar á repesca das dúas mellores marcas e tanto Alberto Guerrero coma Sergio García non conseguiron dar a sorpresa.
Sandra Carballo foi outro dos atletas da Ximnástica que fixo marca persoal, con 3.246 puntos no Pentatlon, non tiña opción de estar máis arriba do décimo primeiro posto que conseguiu.
A Ximnástica pecha un bo Campionato con outra medalla, dende 2009 e a excepción do ano 2012, sempre conseguiron unha presea os atletas pontevedreses e hai que valorar moi positivamente o que ano tras ano, sigan accedendo ao podio.











