Alberto Garzón asegura en Ferrol que “Podemos non é o meu inimigo, pero tampouco o meu proxecto político”
O candidato de Esquerda Unida á Presidencia do Goberno, Alberto Garzón, asegurou en Ferrol que Podemos, a formación que lidera Pablo Iglesias, “non” é o seu “inimigo”, pero tampouco o seu proxecto político. “Non é o meu inimigo, o meu inimigo son as políticas de dereitas que aplicaron o bipartidismo”, asegurou.
O candidato de IU afirmou que Podemos é “o síntoma do que está a acontecer na economía” e xulgou que “as persoas ven” nesa formación política “o reflexo da súa frustración, da ira, da rabia”. Así, considerou que “a solución ten que ser da esquerda, porque ten un proxecto, e é o instrumento útil e non unha competición deportiva”.
Ademais, Garzón tamén criticou a mensaxe que se quere trasmitir “dende o sistema”, con respecto a que en todos os partidos hai certa corrupción. O candidato de IU á presidencia do Goberno indicou que “esta campaña” forma parte da intención de “desmolibizar” e de “enfangar toda a política” para que “a xente se retire á súa casa” ou o que os gregos chamaban “converter en idiotas os cidadáns, tanto por parte do sistema como por parte do Partido Popular en particular”.
Segundo Garzón, “saben que agora non pode convencer a xente de que as súas políticas os axuda a vivir mellor” e, por iso, recorreron a outras estratexias, “como a represión, a lei mordaza ou o código penal”.
MITIN
Garzón recordou que a súa primeira aparición pública nun mitin fóra da súa cidade, Málaga, foi en Ferrol e por iso dixo ter “un bo recordo” da capital de Ferrolterra. Tamén remarcou que o actual constitúe “un momento de emerxencia social” e que a súa organización espera reverter esta situación “nun momento de esperanza política” e converter “a frustración, indignación e a rabia en compromiso social”.
O político andaluz remarcou que é necesario “construír un novo modelo de sociedade, fronte ao bipartidismo e a troika” e que, para iso, é necesaria “unha nova Esquerda Unida adaptada ao modelo actual”. Ademais reiterou que “esta non é soa unha crise económica”, senón que unha “estafa”, na cal se está a permitir que “algúns se estean a aproveitar dela”.
Para reverter esta situación, Garzón volveu incidir na proposta de “traballo garantido” a todos os cidadáns e prohibindo ademais todos os desafiuzamentos, “tal e como ten previsto poñer en marcha o novo goberno de Grecia”. Neste sentido, incidiu en que o seu “inimigo son as políticas de dereitas, as aplicadas polo Partido Popular e o Partido Socialista alternativamente”.
ENQUISAS
Alberto Garzón asegurou que non lle ten medo ás enquisas e destacou que para el “atopar cun 5% de inicio, nestas enquisas, é un pracer”. Tamén apuntou que non lle gustan estes resultados, pero que espera que nos próximos meses cambien a mellor e mostrou a súa esperanza de que estes cambios se noten xa en Andalucía, “sobre todo tras deixar o PSOE moi claro con quen quere gobernar”, tras a rotura de coalición de goberno por parte de Susana Díaz.
Garzón tamén lamentou a marcha de Tania Sánchez como candidata de IU á Asemblea de Madrid, porque sempre é unha mala noticia que alguén se vaia da formación”, ao mesmo tempo que recordou que “compartiron moitos anos de loita”.
O candidato de Esquerda Unida á Moncloa tamén destacou que é “unha decisión persoal” que non comparten os dirixentes de IU e que “xerou un ruído mediático que prexudica ao partido” e “a toda a esquerda en xeneral”. Garzón tamén asegurou que “aínda” hai “tempo para reconducir a situación” e apelou a que hai seis meses contaban cunha intención de voto do 20 por cento, e “agora o escenario é outro”.
ESTALEIROS
Alberto Garzón quixo destacar que “Ferrol pagou os pratos rotos de querer entrar na Unión Europea” á que catalogou como unha organización cun “sistema antidemocrático”. O membro de Esquerda Unida destacou que o goberno país decidiu aceptar certas limitacións industriais a cambio de formar parte desta unión, asegurando que Ferrol e os seus estaleiros foron dos máis prexudicados.
Garzón reclamou a reindustrialización de todo o sur de Europa, “para conseguir economías máis sólidas” e condicións de traballo “máis estables e dignas” e que isto só se consegue “impugnado as políticas da troika” e con “inxección de diñeiro público”.
Así mesmo, remarcou que a falta de carga de traballo d os estaleiros da ría de Ferrol é unha decisión de “tipo político”, xa que tanto a Francia coma a Alemaña se lles permite ter unha industria forte, “todo o contrario que a España e a Ferrol, con incentivos á súa desindustrialización”.
Alberto Garzón tamén se referiu aos procesos nos que está inmersa Esquerda Unida para concorrer nas próximas eleccións locais, e moi particularmente en Galicia, a través das Mareas, destacando que aqueles lugares nos que sexa posible participarase” e “onde non pois hai que ter calma”, e “agardar a despois das municipais” para “seguir traballando”.











