Alba María presentará o seu primeiro disco “Aínda” na Casa da Cultura de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Casa da Cultura de Monforte acollerá o vindeiro sábado a presentación de “Aínda”, o primeiro disco da cantante galega Alba María. O concerto, organizado pola Delegación de Cultura do Concello de Monforte dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, terá lugar ás 19:00 h do sábado día 21 de febreiro. O prezo das entradas será de 5 euros para o público en xeral e de 3 euros para nenos, estudantes, desempregados e xubilados.

Nova e artista é un binomio raro na música galega. Porque custa moito que alguén aposte por ti e che axude a dar os primeiros pasos. Mais iso é o que lle aconteceu a Alba María.

Alumna da Escola Livre da Música Popular Galega, de aCentral Folque, resultou gañadora do I Concurso de Música de Autor de Teo. Grazas á complicidade do Concello de Teo e de aCentral Folque, e ó saber facer dun excelente elenco de músicos profesionais que a acompañaron, sacou á luz con só 19 anos “Aínda”, o seu primeiro disco.

Letras de calidade nas que o lirismo non esquece cuestións de xénero e sociais arroupadas por unha coidada ambientación musical amosan o potencial desta nova creadora.

Para a presentación deste traballo contará, ademais da súa voz e guitarra, con tres músicos de excepción: Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (percusións). Un cuarteto que leva a música galega ó máis alto.

16 de febreiro de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.