AIMEN entrega os diplomas do Curso de Enxeñeiro e Técnico Internacional de Soldadura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Entrega de diplomas

Entrega de diplomas

O director xerente de AIMEN Centro Tecnolóxico, Jesús Lago, e o director xeral de CESOL (Asociación Española de Soldadura e Tecnoloxías de Unión), Jorge Huete, entregaron esta mañá os diplomas correspondentes á X Edición do Curso de Enxeñeiro/Técnico Internacional de Soldadura (IWE/IWT), impartido por AIMEN entre os meses de outubro de 2013 e novembro de 2014. Trátase un programa harmonizado pola Federación Europea de Soldadura (EWF) e o Instituto Internacional de Soldadura (IIW) de avalado prestixio e recoñecemento internacional.

AIMEN é a única entidade homologada en Galicia para impartir esta formación, que pretende ofrecer unha nova vía de desenvolvemento profesional e achegar valor engadido ás empresas xa que, con maior frecuencia, entre as condicións esixidas ás compañías industriais que optan a contratos de relevancia figura que os traballos de soldadura estean dirixidos ou supervisados por persoas cualificadas con esta titulación.

Dende que AIMEN Centro Tecnolóxico imparte este curso, cuxa primeira edición se desenvolveu en 1991-1992, formou en torno a 200 persoas, entre enxeñeiros e técnicos internacionais de soldadura. Segundo datos facilitados por CESOL, Galicia achega o 11% dos titulados españois en IWE, e preto do 3,5% dos diplomados en IWT.

XI Curso Enxeñeiro/Técnico Internacional de Soldadura -2015-2016

AIMEN Centro Tecnolóxico celebrará, entre abril de 2015 e marzo de 2016, unha nova edición do curso Enxeñeiro/Técnico Internacional de Soldadura. Nesta ocasión, a formación impartirase en modalidade semipresencial, combinando as clases presenciais con teleformación.
A formación está dirixida a Enxeñeiros Técnicos e Superiores, Arquitectos Técnicos e Superiores e Titulados Superiores en especialidades relacionadas coa Metalurxia, cuxa actividade profesional estea vinculada á soldadura. O seu contido axústase ás esixencias da norma ISO 14731 para a coordinación das tarefas e responsabilidades de soldadura como requisito fundamental das normas de xestión da calidade da produción soldada, como a EN 1090-2, EN 1090-3, ISO 3834 ou EN 15085.

24 de febreiro de 2015 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.