Agustín Hernández ve unha boa noticia que Vueling estree base operativa en Santiago
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asegurou que a decisión de Vueling de estrear unha base operativa en Santiago e anunciar novas rutas é “unha boa noticia” á hora de “consolidar o crecemento e a vocación internacional de Lavacolla”. En declaracións aos medios, ao termo dun acto con empresarios na capital galega, Hernández sinalou que fixar base operativa na capital galega é “unha decisión empresarial” que responde o incremento das conexións internacionais -con tres novos destinos con Alemaña-.
“É unha boa noticia para seguir a senda de crecemento dos pasaxeiros internacionais do noso aeroporto, para chegar á cifra dos 500.000 pasaxeiros en 2015”, remarcou. Ao tempo, salientou que terá “repercusión no emprego e na actividade” do aeroporto, posto que implica “máis traballo e máis persoal no aeroporto”. “As tripulacións terán un punto de partida e de chegada na nosa cidade”, resolveu.











