AGACA organiza unha xornada sobre os retos do sector leiteiro sen cota láctea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O 13 de febreiro, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organiza a Xornada “Sector lácteo: novo escenario, novos retos e novos proxectos cooperativos conxuntos no sector agroalimentario”, para analizar a situación do sector ante a desaparición da cota láctea, a Solicitude Unificada da PAC/DR 2015 e a Taxa Láctea da campaña 2014/2015. O Seminario terá lugar no Hotel Eurostars San Lázaro en Santiago de Compostela, onde expertos na materia e representantes do sector explicarán as claves e retos para afrontar con éxito o futuro do sector. Durante o Seminario, que se prolongará dende as 09:30 ata as 18:30 horas, expertos, representantes de cooperativas, entidades privadas e institucións públicas relacionados co sector lácteo abordarán as cuestións que máis preocupan a produtores e industria.

A Xornada comezará cunha mesa redonda onde se expoñerá o novo panorama da cadea de valor do mercado lácteo unha vez desaparecida a cota láctea. Intervirán, José Luís Antuña, director xeral de Feiraco, e José González, responsable de compras de Leche Celta; Juan Manuel Fiz, director de xestión de leite de Senoble Ibérica; xunto co responsable de gandaría de Cooperativas Agro-alimentarias de España, Fernando de Antonio, e Pedro Ramos, da Asociación de Industrias Lácteas de Galicia.

Con respecto aos relatorios, Patricia Ulloa, directora do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), expoñerá, en primeiro lugar, as previsións que se esperan para a Solicitude Unificada da PAC/DR 2015. A continuación, abordará os prognósticos da Taxa Láctea da campaña 2014/2015 en Galicia.

Pola súa banda, Juan Méndez, profesor de Industrias Lácteas da Universidade de Santiago, analizará un Proxecto para o Tratamento Industrial dos Excedentes Lácteos e Derivados Lácteos Líquidos e Deshidratados. Higinio Mougán, director-xerente de AGACA, propoñerá un proxecto de traballo para as cooperativas lácteas de Galicia.

Está previsto que, na apertura da Xornada, Rosa Quintana, Conselleira do Medio Rural e do Mar, e José Manuel Hevia, director xeral de Banco Pastor, que apoia esta iniciativa, acompañen ao presidente de AGACA, José Montes.

5 de febreiro de 2015 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.