publicidade hoxe

AGACA celebra o obradoiro “Igualdade, Liderado e Xestión de Cooperativas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

AGACA mantén en 2015 a súa aposta pola igualdade entre socios e socias á hora de integrarse e desempeñar cargos nos órganos de decisións das cooperativas, como poden ser os Consellos Reitores, neste caso mediante un taller formativo que se celebrará na sede da cooperativa vitivinícola Condes de Albarei, en Cambados (Pontevedra). O obradoiro, titulado “Igualdade, Liderado e Xestión de Cooperativas”, está dirixido a socias e a mulleres que estean vinculadas á cooperativa, a fin de incrementar a súa participación nos órganos e procesos de toma de decisións que afectan á entidade.

As liñas didácticas que se tratarán durante as xornadas, tanto en Condes de Albarei como nas cooperativas Feiraco e Horsal (Cambados) onde están previstas acción similares, están orientadas a impulsar a participación das mulleres agricultoras en ámbitos empresariais públicos, tales como as cooperativas das que son socias. Ademáis, debateranse claves para o empoderamento e capacitación para a xestión empresarial das mulleres, desde a perspectiva da igualdade de oportunidades. Deste xeito, o obradoiro abrangue non só a vertente máis técnica e profesional senón tamén aspectos de valoración persoal, mellora da autoestima e perda de medo ante a falta de reacción nos momentos de toma de decisións.

Como complemento aos obradoiros, os consellos reitores das mencionadas cooperativas amosaron interese por recibir unha sesión de sensibilización en cuestións de xénero e igualdade de oportunidades, que serían impartidas igualmente por especialistas de AGACA. As iniciativas son posibles grazas a un convenio de colaboración entre Cooperativas Agro – alimentarias de España e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, que as financia xunto co Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA) para o período 2009-2014.

17 de febreiro de 2015 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.