Afundación mostra 72 gravados e estampas de Dalí en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A sala de Exposicións do Teatro Afundación en Vigo acolle, dende este mércores e ata o 18 de abril, a exposición ‘Salvador Dalí. Contador de historias’, que mostra 72 gravados e estampas creadas polo pintor para ilustrar tres grandes obras da literatura universal: O Quijote de Cervantes; Os soños caprichosos de Pantagruel, de François Rabelais; e as fábulas de La Fontaine.

A través desas tres series de ilustracións, Dalí reinterpreta dende o seu propio universo os personaxes e imaxes desas obras literarias, chegando mesmo a copiar (aínda que sempre co seu propio estilo) ilustracións orixinais da época en que foron editadas as obras.

Unha das comisarias da mostra, Gloria Patón, subliñou que a exposición reflicte como as ilustracións describen comportamentos humanos, fan críticas á sociedade desas épocas, ou mostran a parte moralista das obras literarias.

Nas creacións, Dalí evidénciase como un xenio provocador, que non renuncia aos sinais de identidade presentes na súa obra máis coñecida, e que mesmo como no caso do Quijote, se identifica co personaxe na súa faceta de ‘xusticeiro’.

A exposición, que se montou grazas á colaboración do Museo das Artes do Gravado, estará complementada cun programa didáctico dirixido a escolares, maiores, ou familias. A mostra estivo xa en Zaragoza, onde obtivo gran éxito e, de feito, en Vigo xa hai 600 escolares apuntados para visitala.

18 de febreiro de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.