AFAL organiza festas de disfraces para os maiores dos seus Centros de Día de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Entroido chegará esta semana aos Centros de Día xestionados por AFAL na cidade naval. Así, a asociación prepara as súas tradicionais festas de disfraces para os maiores que cada día acoden ás súas instalacións para asistir a terapias e talleres que buscan un obxectivo claro: mellorar a súa calidade de vida atrasando a progresión da súa enfermidade e, ao mesmo tempo, ofrecer apoio e o tan necesario respiro familiar aos seus coidadores.

Deste modo, mañá xoves, 19 de febreiro, AFAL celebrará o Entroido no Centro de Día da Rede Pública de Alzheimer, situado na antiga Casa do Mar. Alí, a partir das 15,30 horas, os maiores poderán participar nun divertido concurso de disfraces e espectáculos ideado polo equipo de traballadores. Tamén haberá baile e música co cantante Joselo e, co ánimo de repoñer forzas, os usuarios poderán degustar unha rica merenda con sobremesas típicas da data. Á celebración están invitados todos os familiares dos maiores.

Ao día seguinte, venres 20, e precisamente cunha merenda a base de freixós, orellas e torradas, dará comezo a festa de Entroido no Centro de Día Terapéutico de AFAL situado na rúa Río Castro, 43-45, baixo. Unha celebración na que, como no caso anterior, tamén participarán as familias dos maiores. Tras a merenda, avós, netos, pais, nais, fillos e cónxuxes poderán gozar dun animado baile que, unha vez máis, contará coa colaboración desinteresada do acordeonista Iker Villanueva.

18 de febreiro de 2015 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.