AFAL Ferrolterra celebra reunións grupais para familiares de enfermos de Alzheimer
Intercambiar experiencias para mellorar o manexo dos síntomas propios da demencia e a convivencia familiar co enfermo é o obxectivo das reunións grupais de familiares de enfermos de Alzheimer que AFAL Ferrolterra celebra cada mes nos seus centros de día e cuxas sesións quere potenciar para chegar ao maior número de persoas. É por iso que a presidenta da entidade, Milagros Prieto, explicou que, desde este mes, abriranse a todos os familiares de enfermos, sexan ou non socios da asociación.
Nas reunións dótase aos cuidadores dos coñecementos sobre a enfermidade, así como de estratexias de manexo dos síntomas máis frecuentes, poñendo especial énfase sobre a sintomatoloxía propia da enfermidade que produce maior sobrecarga no coidador principal. Estas reunións van dirixidas a familiares de enfermos que desexen adquirir coñecementos sobre a enfermidade e entrar en contacto con outros familiares que se atopan nunha situación similar. As reunións celébranse cunha frecuencia mensual en ambos centros de día: na sé de AFAL, rúa Río Castro, 43-45 baixo- os últimos venres de cada mes en horario de 16,30 a 17,50 horas e na antiga Casa do Mar, os primeiros venres de cada mes en horario de 17,00 a 18,30 h.











