Aemos acolle unha xornada técnica sobre solucións tecnolóxicas á corrosión da auga en instalacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A auga no seu uso industrial xera problemas de calcificación e/ou corrosión xurdidos nas instalacións nas que o citado fluído opera (fontanaría, climatización, refrixeración, etc.). A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) pensando en que esta problemática afecta a moitos dos seus asociados organizou unha xornada de carácter técnico e práctico na que se presentarán as diferentes solucións para mitigar e corrixir as consecuencias desta problemática. A exposición correrá a cargo de responsables da empresa CALCAT, Enxeñaría da Auga, a cal está a desenvolver solucións tecnolóxicas neste ámbito en instalacións de entidades como Citroën, Ence, GKN, Estrella Galicia, Inditex, aeroportos e Xunta, entre outras.

A xornada celebrarase o próximo martes, día 10, ás 09.15 horas no Centro de Desenvolvemento Local de Mos, en formato de almorzo de traballo motivando así a participación dos asistentes. O acto está dirixido principalmente a empresas con torres de refrixeración ou condensadores evaporativo interesadas en coñecer o alcance das solucións tecnolóxicas expostas. As persoas interesadas en asistir deben formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico á dirección aemos@aemos.es indicando o seu nome, cargo, razón social da empresa, correo electrónico de contacto e teléfono.

O contido da exposición versará sobre como afecta a corrosión nos compoñentes dos sistemas de refrixeración; os tratamentos actuais para loitar contra este tipo de problema; o marco lexislativo reflectido no BOE que regula estas actuacións; a incidencia no aforro de auga en refrixeración e en químicos anticorrosión; o incremento da vida útil da maquinaria; o aumento na eficiencia térmica e enerxética en sistemas de refrixeración e a explicación do modelo de asesorías gratuítas e proxectos para torres e condensadores que se pagan unicamente cos beneficios que xeran.

5 de febreiro de 2015 | 20:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.