publicidade hoxe

Ábrese en Guitiriz un ciclo de xornadas informativas sobre o Ben Empregado! e o plan de axudas ao rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

A Deputación de Lugo abrirá mañá en Guitiriz un ciclo de xornadas informativas sobre o plan Ben Empregado! e o programa de axudas en impulso do rural e o sector primario que ten en marcha. O obxectivo é que o máximo número de veciños da provincia aproveiten, tanto o programa de emprego, a través do que a institución provincial concederá axudas para contratar a uns 300 desempregados, como as subvencións de 2,2 millóns de euros destinadas á mellora de infraestruturas rurais e ao impulso do sector primario.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, explicarán os requisitos, trámites e prazos de solicitude de ambos plans mañá nunha xuntanza convocada para as 20:30 horas no Hotel Mesón da Cabra de Guitiriz. O encontro está aberto a todas as persoas que estean interesadas en coñecer en detalle como pode beneficiarse do Ben Empregado! e das axudas ao medio rural e ao sector primario.

Para o luns está prevista unha xornada informativa en Lugo, ás 20:30 horas, no Salón de Actos da Deputación, e o martes en Foz, tamén as 20:30 horas, na Casa da Cultura. Tamén haberá encontros en Sarria, Monterroso, Vilalba, A Fonsagrada, Viveiro, Mondoñedo, Becerreá e Monforte.

O Ben Empregado! é un proxecto pioneiro que adapta a oferta á demanda laboral, a través do que a Deputación subvencionará a contratación de desempregados dos 67 Concellos lucenses. Recibíronse solicitudes de 424 entidades: 343 empresas e 81 asociacións e organización sen ánimo de lucro.

En canto ao plan en impulso do medio rural e o sector primario, que presentou esta mesma semana o Presidente, está dotado con 2,2 millóns de euros e inclúe 7 liñas de axuda: recuperación de terras abandonadas; peche de viñedos; reactivación da flota de baixura; instalación e mellora de invernadoiros para produción de horta; dotación e mellora de traídas de auga; melloras e equipamento de centros sociais; e arranxo e sinalización de camiños públicos e outros servizos comunitarios. As bases deste programa sairán publicadas este sábado no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

5 de febreiro de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.