Abel Caballero asegura descoñecer á candidata do PP á alcaldía de Vigo
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este mércores que descoñece a candidata do PP á alcaldía e conselleira de Facenda na Xunta de Galicia, Elena Muñoz.
A preguntas dos medios sobre as declaracións da candidata acerca das “explicacións” que debe dar o alcalde sobre os casos de presunta corrupción que afectan o Concello, Abel Caballero limitouse a afirmar: “¿ A candidata do PP? ¿Quen é? Non a coñezo”.
Elena Muñoz apuntou este martes que ten o “máximo respecto” polo traballo de xuíces e fiscais, que deben facer o seu labor “con independencia”, pero advertiu de que “é o momento” de que se dean “explicacións” por parte da alcaldía de Vigo acerca das denuncias que se instrúen nos xulgados vigueses por supostos casos de prevaricación e tráfico de influencias.
O alcalde, Abel Caballero, non quixo nunca valorar publicamente esas actuacións xudiciais, nin a Operación Patos, nin a investigación na que está imputado o concelleiro de Parques e Xardíns, Ángel Rivas, nin a última denuncia de Fiscalía sobre un suposto caso de ‘enchufismo’ nunha contrata municipal. “Nada que dicir”, foi a súa resposta sempre, ás preguntas dos xornalistas sobre estas cuestións.











