A Xunta renova con once ONG a colaboración para axudar a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata

Rueda na visita á ONG Oblatas Ferrol
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou hoxe a ONG Oblatas Ferrol onde reiterou o apoio do Goberno galego ás 11 Organizacións que axudan a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata con fins de explotación sexual que hai na nosa comunidade.
Alfonso Rueda agradeceu o traballo e esforzo de todas as entidades e reiteroulles o compromiso do Goberno para loitar contra esta lacra e dar apoio e protección ás persoas que sofren as súas consecuencias.Precisamente por iso, un dos obxectivos do VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes, é outorgar unha atención integral e específica ás mulleres vítimas da trata de seres humanos con fins de explotación sexual, posto que se trata dunha grave “vulneración dos dereitos máis elementais das persoas, que se reduce a unha simple mercadoría e a despoxa da súa dignidade”.
As entidades coas que se renova o convenio de colaboración son ademais de Oblatas Ferrol, Accem, Adoratrices Ourense, Cáritas Lugo, Aliad-Utreira, Cáritas Ourense, Cáritas Santiago, Cruz Roja, Ecos do Sur, Faraxa, e Médicos do Mundo, que reciben este ano un total de 328.000 euros, que contribue a que estas entidades poidan desenvolver a súa labor.
Mediante estes convenios establécense as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e estas 11 entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de Programas, de atención a vítimas de trata, preferentemente inmigrantes, con fins de explotación sexual e/ou laboral, e coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas a través do financeamento dos gastos correntes e de persoal, e dos gastos derivados da adquisición de equipamento e do mantemento e mellora das infraestruturas de carácter social das que dispoñen as entidades e nas que se desenvolven as actuacións dos programas, de atención a vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou laboral.
Na nosa Comunidade Autónoma, tan só existen estas once entidades dedicadas a axudas das mulleres preferentemente inmigrantes que estean en situación de prostitución ou sexan vítimas de trata con fins de explotación sexual e todas elas cunha ampla experiencia no trato coas mulleres vítimas desta lacra social, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.
Entre as actuacións que realizan estas ONG están as de asesoramento, apoio e información respecto aos recursos sociais e xurídicos; acompañamento para a realización de trámites administrativos e burocráticos; creación de grupos de apoio para lograr espazos de referencia para o encontro, intercambio e apoio mutuo; capacitación de mediadoras sociais ou axentes de cambio; desenvolvemento das potencialidades e capacidades das beneficiarias, a través de actividades de socialización, educación, formación e integración, con especial incidencia na formación para facilitarlles ó acceso o emprego de novas tecnoloxías; a realización de obradoiros sobre diversos temas e o traballo na sensibilización da sociedade sobre a situación das mulleres que están a padecer esta situación.
Persoas atendidas no ano 2014
No ano 2014, estas 11 entidades atenderon a 7.118 persoas, das cales 6.868 eran mulleres en situación de prostitución, en situación de especial vulnerabilidade e/ou en situación de explotación sexual; 112 homes; 125 transexuais: e 13 travestis. As persoas atendidas proceden maiormente de Brasil, República Dominicana, Rumanía, Colombia e España.











