publicidade hoxe

A Xunta realizará un simulacro do Plan de Emerxencias Exterior do depósito de lodos vermellos de Alcoa Europe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXove
A-
A+

A Xunta de Galicia levará a cabo mañá un novo exercicio de adestramento, que consiste nun simulacro de emerxencia no depósito de lodos vermellos que a empresa Alcoa Europe ten construído no concello de Xove.

Este Plan de Emerxencia Exterior (PEE) elaborouse para facer fronte ás posibles incidencias que se poidan presentar nos diques do depósito de lodos vermellos xerados no proceso de produción de alúmina a partir da bauxita. O Plan é un instrumento técnico que establece a organización e os procedementos de actuación que constitúen o sistema e dispositivo de resposta fronte a calquera incidencia no depósito.

Alcoa Europe está afectada polo Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión de residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, e pola Instrución técnica complementaria do 8 de febreiro de 2001 para a elaboración de plans de emerxencia de diques mineiros.

Este simulacro, que aparece contemplado dentro do PEE, consistirá nun exercicio onde se activa o Plan coa participación dos diferentes grupos operativos, a empresa e as administracións públicas implicadas no caso dunha emerxencia. A realización deste exercicio permitirá mellorar a coordinación dos organismos participantes e que a poboación da zona afectada por un hipotético accidente, poda coñecer as pautas a seguir no caso de activación do Plan.

Durante o día de mañá non soarán as sirenas de aviso á poboación e os veciños e veciñas da zona só percibirán unha maior presenza dos servizos de emerxencia e seguridade no entorno do depósito e nas proximidades da casa consistorial, onde estará instalado o Centro de Coordinación Operativa. Os veciños xa foron avisados por bando municipal e a súa actividade non se verá afectada en absoluto, polo que poderán continuar coas súa rutina.

Política de prevención

Desde a Xunta quérese destacar a importancia de apostar pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias, liña na que se enmarcan os plans de emerxencia exterior elaborados polo Goberno galego.

O obxectivo deste plan é ter preparada a resposta para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente que poda afectar as persoas e ao medio ambiente, establecéndose as medidas idóneas de protección a poboación, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos que podan intervir.

A realización dos simulacros permite a efectiva implantación dos plans e a súa mellora a través das experiencias obtidas no desenvolvemento dos mesmos. Por isto, a Xunta de Galicia apostou firmemente pola liña da realización deste tipo de actuacións, que se comezaron a desenvolver a finais do ano 2013, sendo o de hoxe o sétimo destas características que se desenvolve en Galicia.

2 de febreiro de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.