A Xunta licita por 838.000 euros a mellora do saneamento de Verín e do Polígono de Pazos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVerín
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se licitan as obras de mellora na rede de saneamento de Verín e Polígono de Pazos. Verín (Ourense)”. A Xunta, a través de Augas de Galicia, asumirá o 100% do orzamento previsto para esta actuación, que ascende a 838.796 euros.

Despois de que o Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobara a colaboración a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Verín para a execución desta actuación, que contará cun prazo de execución de 8 meses.

Os interesados en presentar as súas ofertas dispoñen ata o vindeiro 26 de marzo para remitir a documentación, que será analizada por Augas de Galicia para determinar a adxudicación da obra neste primeiro semestre.

As obras contidas neste proxecto darán servizo á poboación dos núcleos de Verín, Abedes, Vilela, Caldeliñas e Pazos (pertencentes ao concello de Verín) mais aos residentes en Vilaza, no concello de Monterrei. Ademais, conectarase a rede de saneamento do polígono industrial de Pazos. O proxecto prevé que para o ano horizonte 2038 a rede servirá a unha poboación equivalente superior a 18.3000 habitantes.

O núcleo de Verín atópase nunha zona moi cha, próxima ao río Támega.A rede de saneamento é practicamente unitaria na súa totalidade, e debido á pouca pendente que teñen os colectores e ramais da rede de saneamento e á súa disposición a través do núcleo de Verín, provoca que en época de choivas se produzan continuos desbordamentos e saídas de augas polos pozos de rexistro, sumidoiros e acometidas nos sotos de moitas das vivendas.

Para mellorar a situación, o proxecto prevé a construción dun tanque de tormentas cunha capacidade de 620 m3 nas inmediacións do núcleo de Queizás. Para o alivio das verteduras do tanque de tormentas instalarase unha tubaxe de PVC de 630 mm de diámetro, ata o punto de vertedura no río Támega. Reporase, así mesmo, un tramo da rede de saneamento afectado pola execución do colector de alivio, mediante a instalación dun colector de PVC de 250 mm soterrado e cos seus correspondentes pozos de rexistro en formigón.

Polo que respecta ao polígono de Pazos, as actuacións inclúen a retirada das bombas e cadro eléctrico existentes, ampliación da boca do pozo de entrada e a instalación dun novo colector de bombeo de 250 mm de diámetro. O caudal que se vai a bombear, segundo a memoria de cálculo, é de 23,8 litros por segundo.

Ademais, para a medición e control do bombeo de Vilaza procedente do concello de Monterrei, faise un desvío da rede de bombeo ata a parcela municipal, e nela constrúese unha arqueta para aloxar unha canle, para a medición do caudal de bombeo de augas residuais; unha vez medido, incorpórase á rede por gravidade mediante unha tubaxe de PVC de 400 mm.

A Xunta de Galicia leva a cabo este tipo de colaboracións con entidades locais en materia de obras hidráulico –sanitarias, de acordo coa Lei de augas de Galicia, para facilitar o desenvolmento e a mellora da calidade de vida naqueles concellos que teñen un orzamento insuficiente para financiar este tipo de actuacións necesarias. Ademais, este tipo de actuacións en materia de saneamento axudan no cumprimento da Directiva de augas residuais.

Cómpre sinalar que a actuación hidráulica que se licita hoxe dará servizo ás industrias que se instalen neste polígono, no que a Xunta de Galicia investiu case 3 millóns de euros nas obras de urbanización da 1ª fase do Polígono de Pazos, que se atopan na actualidade na súa recta final. Este orzamento que permitiu construír unha superficie bruta de máis de 70.000 m2, da cal un total de 46.500 m2 se reparten en 11 parcelas a disposición dos empresarios desta zona que desexen desenvolver unha actividade económica.

24 de febreiro de 2015 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.