A Xunta inviste 60.000 euros na mellora da estación de autobuses de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

A Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias, supervisou hoxe as obras de mellora que se están a acometer na estación de autobuses de Lugo e que se enmarcan dentro do Plan Renove que está a desenvolver a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para modernizar a rede de estacións de transporte público por estrada da comunidade autónoma.

As obras, adxudicadas á empresa Sergonsa Servicios, S.L. por importe de 59.033,79 euros, contemplan actuacións tendentes a mellorar as dependencias, as condicións de accesibilidade -para adaptarse ás novas normativas- e a sinalización, tanto exterior como interior.

A delegada afirmou que son unhas obras “pensadas para mellorar a accesibilidade dos usuarios, achegarlles máis e mellor información, coa nova sinalización e os paneis electrónicos, e ampliar o confort das instalacións”.

Así, no que respecta a accesibilidade, estase a proceder a eliminación dos chanzos existentes na entrada lateral da estación e na entrada á zona comercial e de oficinas, mediante a execución dunha rampla; e a colocar apoios isquiáticos na dársena, entre outras actuacións.

No que atinxe ao edificio, ademais de seu pintado exterior, a actuación inclúe a limpeza do cartel da entrada principal e a canalización do cabreado; a mellora da drenaxe da cuberta da entrada principal; a reparación da corrosión dos piares metálicos da estrutura da dársena; a renovación das luminarias; a reparación dos bancos e obras menores na zona de aseos.

Ademais, estanse a colocar paneis electrónicos que informen das saídas e chegadas dos autobuses, así como a mellorar a sinalización interior.

Os traballos, que rematarán a mediados do vindeiro mes, suporán, segundo explicou Raquel Arias, unha “mellora substancial da imaxe e das dependencias” da estación de autobuses lucense que redundará en beneficio dos usuarios. “A modernización das estacións de autobuses que está a promover a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten como obxectivo fomentar o uso do transporte público e, nese contexto, dispoñer dunhas instalacións atractivas e cómodas é básico“, dixo.

Outras actuacións

Do Plan Renove tamén se beneficiaron as estacións de autobuses de Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba e Sarria, nas que a empresa adxudicataria, Canalugo S.L, xa acometeu obras de mellora na accesibilidade, as instalacións e os sistemas de información por importe de 23.355,82 euros.

No caso da estación de Viveiro o plan mellorou os accesos para aquelas persoas con mobilidade reducida, a través da pintada dunha praza de aparcadoiro para o uso destes usuarios, e a colocación de bancos na dársena.

Estes mesmos traballos tamén se realizaron nas estacións de Ribadeo e Vilalba. En Ribadeo instaláronse ademais pasamáns e varandas na rampla de acceso; e na de Vilalba colocáronse varias sinais.

No caso da estación de Mondoñedo construíuse unha rampla de acceso coas súas respectivas varandas e pasamáns e reubicouse o sumidoiro que se viu afectado por estas actuacións, ademais do pintado dunha praza de aparcadoiro e a reparación das portas de acceso da dársena.

Outras actuacións que contemplaba o Plan Renove centráronse nas melloras das instalacións a través de arranxos nos falsos teitos, aseos, puntos de luz ou canlóns; pintado dos bancos e limpeza do lucernario. É o caso da estación de Sarria, na que do mesmo xeito que as anteriores tamén se potenciou a accesibilidade.

16 de febreiro de 2015 | 13:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.