publicidade hoxe

A Xunta investirá 200.000 euros na mellora dos camiños rurais de Santa Comba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSanta Comba
A-
A+
Belén do Campo na visita a Santa Comba

Belén do Campo na visita a Santa Comba

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá Santa Comba para analizar xunto coa alcaldesa, María Pose, o proxecto de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio, ao abeiro dos fondos do Plan marco de mellora de camiños correspondente ao exercicio 2014-2015, que este ano estará cofinanciado pola Consellería do Medio Rural e a Deputación da Coruña. Así, o concello disporá dunha achega de 119.286 euros para levar a cabo estas actuacións nos vindeiros meses, o que supón un incremento de ata o 50% respecto á convocatoria anterior.

Segundo lle trasladou a rexedora a Do Campo, en breve comezarán as obras para mellorar trece pistas municipais nos lugares de Guldrís, Loureiro, Recarei, Vilarmaior, Castriz, O Castro, Portochán, A Illa, Tarroal, Porto Carreiro, As Albeiras, Boimente e San Salvador. As actuacións consistirán na mellora da capa de rodadura, co arranxo de fochas, tratamento asfáltico superficial e limpeza e perfilado de noiros e cunetas. En total, traballarase sobre 9,5 quilómetros de vías.

A máxima representante do Goberno galego na provincia aproveitou a súa estancia no municipio para supervisar tamén o resultado dos traballos levados a cabo a través deste plan no período 2013-2014, cando o concello recibiu outra achega de 79.470 euros. Nese caso, realizáronse labores de mantemento sobre máis de 15 quilómetros de pistas, localizadas nas parroquias de Santa Comba, Frieiro, Portocarreiro, Ser, Esmorede, Portochán, Abeleiras e Santa Sabiña.

Segundo coincidiron Do Campo e Pose, o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

Fonte de riqueza e traballo para os mozos e mozas

Na mesma liña, a rexedora tamén se interesou por outras medidas que ten articuladas a Xunta para fixar poboación no eido rural, como son as subvencións destinadas ao asesoramento, xestión e substitucións de explotacións agrarias, aquelas dirixidas ao investimento, transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais ou á incorporación de mozos á actividade agraria. Neste senso, as responsables autonómica e local destacaron a necesidade de renovación constante para adaptarse ás demandas do sector, así como a necesidade de promover o medio rural como unha fonte de riqueza e traballo para as mozas e mozos da nosa Comunidade.

Do Campo tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Santa Comba. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á primeira edil “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

4 de febreiro de 2015 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.