A Xunta investe en Salvaterra de Miño uns 63.000 euros a través do Plan Marco 2013-2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSalvaterra de Miño
A-
A+
Bravo Bosh en Salvaterra de Miño

Bravo Bosh en Salvaterra de Miño

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, acompañada polo alcalde de Salvaterra do Miño, Arturo Grandal, e o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, visitou esta mañá dous camiños nas zonas de Fornelos e Arantei para comprobar as obras de mellora que se executaron ao abeiro do Plan Marco 2013-2014 de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Coma explicou Bravo Bosch, o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana concedeu a axuda solicitada polo Concello de Salvaterra ao abeiro do Plan Marco do período 2013-2014 para executar a pavimentación do camiño entre Enxembre e Goiende, na zona de Fornelos, e o camiño Pías, na parroquia de Arantei.

O investimento da obra chegou case aos 63.000 euros (62.526,75), sendo a cantidade subvencionable pola Administración autonómica de case 52.000 euros (51.675,00 euros) mentres que o goberno local fíxose cargo do resto, que corresponde ao pago do IVE.

As obras xa están rematadas e, concretamente, para mellorar a seguridade do vial da parroquia de Fornelos, un camiño de 375 metros de lonxitude e 4 de ancho medio entre Enxembre e Goiende, se procedeu á mellora do seu drenaxe e tamén da capa de rodaxe. Executouse o rasanteo do firme cunha capa de zahorra de 10 centímetros e aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor. Colocáronse cunetas nos puntos necesarios e nuns 70 metros se revestiron con formigón. Tamén se colocaron tubos e salvacunetas para as entradas as fincas.

Pola súa banda, no caso da parroquia de Arantei traballouse no camiño de Pías, nunha lonxitude de 600 metros e 4,5 metros de ancho medio onde se realizou un varrido da superficie e aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor. Tamén se executou a posta a cota de 17 tapas de rexistro con formigón.

Este tipo de actuacións son moi ben acollidas entre os veciños e veciñas das zonas nas que se actúa. De feito, a delegada salientou que con estes traballos “búscase dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas parroquias e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais”.

En definitiva, a través de distintos programas de este tipo de axudas ao medio rural, o Concello de Salvaterra do Miño recibiu nos últimos anos, concretamente no período 2009-2014, preto de 562.000 euros para diversas actuacións en zonas rurais do municipio.

O novo Plan Marco 2014-2015

Ao abeiro do novo Plan Marco, que este ano estará cofinanciado entre a Consellería de Medio Rural e do Mar e a Deputación de Pontevedra, o Concello de Salvaterra contará cun investimento de case 92.000 euros. Deste xeito, cando finalicen estas obras, o orzamento global da Xunta de Galicia destinado a actuacións en zonas rurais da localidade será superior aos 650.000 euros.

As obras previstas presentadas polo propio goberno local para este exercicio consistirán na pavimentación da pista municipal Casco, na parroquia de Fornelos, e Abelenda (Soutolobre) cunha actuación nunha lonxitude total de 3.453 metros na que se levarán a cabo a limpeza de marxes e apertura de cunetas, varrido e aglomerado en quente, entre outros traballos.

O novo Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e, este ano coma novidade, coa colaboración das Deputacións provinciais, vén de ser unha continuación do plan 2013-2014 e o seu obxectivo principal é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas, e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural.

Os criterios de reparto para desenvolver o Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015 foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asinaron o pasado 8 de outubro de 2014 o convenio de colaboración para financiar as actuacións deste novo plan marco. A través deste convenio, os concellos da provincia de Pontevedra beneficiaranse dun investimento de arredor de 5 millóns de euros (4.885.847,90€). Destes fondos, un total de 2.304.476 euros corresponden á anualidade de 2014 e os 2.581.371 euros restantes á anualidade de 2015. Os concellos aportarán o IVE dos proxectos co cal o investimento total na provincia será de máis de 6 millóns de euros.

Os 14 concellos pertencentes á área territorial de Vigo recibirán máis de 1 millón de euros (1.043.778) e o investimento total (IVE incluído) será de preto de 1,3 millóns de euros, o que supón un incremento con respecto ao período 2013-2014 de case un 75%.

13 de febreiro de 2015 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.