publicidade hoxe

A Xunta instala unha serie de bandas redutoras de velocidade na travesía de Caritel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Unha das bandas redutoras instaladas

Unha das bandas redutoras instaladas

A Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas está a proceder nestes días á instalación de canles redutoras de velocidade no tramo recto da travesía da estrada PO-255 ao seu paso por Caritel co obxectivo de obrigar aos vehículos a que respecten os límites de velocidade establecidos nese núcleo de poboación para garantir a seguridade vial dos vehículos e veciños da zona.

O alcalde de Ponte Caldelas solicitara o pasado outono ao delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e á Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas, que se habilitasen fórmulas que contribúan a aumentar a seguridade vial na travesía da estrada autonómica PO-255 ao seu paso por Caritel a petición feita pola Asociación de Veciños deste núcleo de poboación.

Os veciños de Caritel trasladaran a petición ao alcalde nunha reunión na que lle expresaron a preocupación veciñal pola falta de seguridade vial existente nesta travesía debido ao exceso de velocidade no que incorren, con demasiada frecuencia, os condutores que a transitan. Ademais ao coincidir cunha longa recta provoca que os condutores se despisten e superen a velocidade dos 50 quilómetros por hora fixados e sinalizados no devandito tramo.

Entre as fórmulas que propuxeron os veciños e o Concello de Ponte Caldelas figuran o sobreelevado dos pasos de peóns existentes ou polo menos algún deles, o que provocaría a redución de velocidade dos vehículos que transitan por esta travesía. Agora a Xunta decidiu inicialmente instalar estas bandas redutoras de velocidade nunha zona para probar a súa eficiencia e no seu caso estendela a outras zonas da travesía ou buscar outras fórmulas.

Perfecto Rodríguez, ao tratarse dunha estrada de titularidade autonómica, comprometeuse a trasladarlle esta petición á Xunta de Galicia para que estudasen o mellor xeito de incidir sobre este problema detectado unha vez ampliada e mellorada a estrada PO-255 que comunica a vila de Ponte Caldelas con Caritel, no enlace coa Lama e a parroquia de Forzáns.

2 de febreiro de 2015 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.