A Xunta destina 65.000 euros a diversas actuacións de mellora medioambiental en Muros
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Muros, Caridad González, para analizar o resultado dos traballos realizados coa subvención destinada á mellora paisaxística e de servizos de protección do medio ambiente no municipio. Unha vez comprobada a execución destes proxectos, procedeuse á sinatura da acta de conformidade para o cobro da axuda.
O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 65.510 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico. Por unha banda, estes fondos serviron para a adquisición por parte do concello de dous vehículos que se destinarán a labores de protección do medio ambiente e o espazo natural, como son o mantemento e conservación dos camiños e accesos aos montes, os rozas, podas de árbores, mantemento de parques e xardíns ou prevención dos incendios forestais, entre outros.
Por outro lado, parte desta axuda tamén se destinou a adaptar a rede secundaria de sumidoiros da zona de Virxe do Camiño á nova rede troncal, co fin de eliminar as verteduras no río Furón nas zonas da ponte e do parque e evacualas á estación depuradora da Vouga. Para isto, substituíronse as antigas canles de formigón por outras de PVC, dispuxéronse novas canles e separáronse as augas de escorrentía das augas fecais.
Oito municipios das comarcas de Muros, Noia e Barbanza beneficiadas
Do Campo recordou que este é o quinto ano consecutivo no que oito concellos das comarcas de Muros, Noia e Barbanza (A Pobra, Boiro, Carnota, Lousame, Muros, Outes, Porto do Son e Rianxo) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 241,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que tres deles dispoñen de ata 19.903 metros de liñas de conexión, polos que recibirán 370.253 euros.
Concello |
Aeroxeradores |
Metros de liña |
Subvención |
A Pobra do Caramiñal |
48 |
— |
68.832 euros |
Boiro |
1 |
453 |
3.434 euros |
Carnota |
49,5 |
— |
70.983 euros |
Lousame |
15 |
— |
21.510 euros |
Muros |
41 |
3.940 |
65.510 euros |
Outes |
30 |
— |
43.020 euros |
Porto do Son |
51 |
12.510 |
88.360 euros |
Rianxo |
6 |
— |
8.604 euros |
TOTAL |
241,5 |
16.903 |
370.253 euros |
As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que un ano máis a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, neste exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.
Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.