A Xunta de Goberno da Laracha acorda solicitar a participación en programas de promoción de emprego
O Concello da Laracha solicitará a súa participación nas convocatorias de axudas económicas da Deputación Provincial da Coruña para o cofinanciamento da formación das cuadrillas municipais de obras e de limpeza de praias ao abeiro dos programas publicados no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o luns da semana pasada, día 16 de febreiro. Ese foi o principal acordo da sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe.
Como en anteriores anualidades, ditos programas teñen por dobre finalidade a creación de emprego e o desenvolvemento de servizos de interese xeral no termo muncipal.
A cuadrilla de obras estaría a disposición do Concello da Laracha para acometer diversidade de traballos relacionados, por exemplo, coa mellora da sinalización e da seguridade viaria na rede de estradas municipais. Pola súa parte, o equipo de limpeza de praias encargaríase desas funcións no areal de Caión.
No caso de que as solicitudes se resolvan favorablemente para o Concello da Laracha, sería nese momento cando se iniciarían os procedementos de contratación do persoal.
Novo vehículo para a Policía Local
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén autorizou a solicitude de participación na convocatoria de Viceprensidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza referida á adxudicación de vehículos para concellos que conten con corpo de Policía Local (DOG número 26 do 9 de febreiro).
Neste caso o Concello da Laracha optará a un dos cincuenta vehículos tipo turismo que a Xunta de Galicia cederá a municipios con menos de cincuenta mil habitantes. Deste xeito preténdese renovar o parque móbil e mellorar o equipamento da Policía Local.
Licencias urbanísticas
Por último, concedeuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a correspondente licenza urbanística para o desenvolvemento da obra de restauración do mosteiro de San Pedro de Soandres, na que se investirán 166.000 euros na mellora do principal elemento do patrimonio arquitectónico municipal.
Entre as actuacións previstas salientan as relativas a mellorar a ventilación interior (construirase unha banda de aireación perimetral en muros e piares), a completa limpeza dos muros, aplicación dun novo revoco de cal en paredes interiores para eliminar manchas e descorchados, o saneamento do teito de madeira, o novo deseño da iluminación interior e a colocación dunha escaleira metálica de acceso ao campanario que ofrecerá maior seguridade que a actual.
O Pleno da Corporación municipal acordara declarar esta obra “de especial interese ou utilidade municipal”, polo que se aplicou unha bonificación do setenta e cinco por cento no imposto sobre construcións, instalacións e obras, tal e como establece a ordenanza fiscal número 17. Por tanto, a Xunta de Galicia afrontou unicamente o pagamento de 720,75 euros por ese concepto, ascendendo o aforro a 2.162,24 euros.











