A Xunta aproba unha modificación puntual do PXOM de Santiago que flexibiliza as obras nos baixos comerciais
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comunicou esta maña ao Concello de Santiago de Compostela a Orde de Aprobación Definitiva da Modificación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal que flexibiliza os criterios para a execución de obras nos baixos comerciais da cidade, preexistentes ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2007. Esta modificación ten por obxecto adaptar a normativa urbanística do PXOM vixente no que atinxe ao réxime aplicable ás edificacións en situación de fóra de ordenación.
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e urbanismo vén de trasladar este visto bo que beneficia aos locais comerciais preexistentes ao Plan Xeral de 2007, sempre que non afecten a viarios, zonas verdes e equipamentos. É dicir, os puntos aos que fai referencia esta modificación son os artigos do 218 ao 220, que regulan especificamente as situacións fóra de ordenación; o artigo 124.1, que regula as actuacións de ampliación en edificios fóra de ordenación; e o artigo 109.2.d) da normativa do plan xeral que regula os usos comerciais nos locais construídos con anterioridade á entrada en vigor do plan de 1989.
A modo de exemplo, establécese unha altura mínima de 3 metros de altura, fronte aos 3,5 metros actuais, para poder implantar usos comerciais nos locais antigos de Santiago de Compostela. Asemade, establécese que nas edificacións catalogadas, prevalezan os criterios de protección de patrimonio sobre as determinacións urbanísticas
Tramitación realizada
Na actualidade o Concello de Santiago réxese por un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente polas Ordes da CPTOPT de datas 3/10/2007 (aprobación parcial) e 1/9/2008 (aprobación do documento de cumprimentación da orde anterior).
A modificación aprobada hoxe foi remitida en xuño de 2014 para aprobación definitiva. Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, comprobouse que foron corrixidas todas as observacións formuladas.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral lle corresponde ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, de 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.











