A Xunta adxudica por 1,5 millóns de euros as obras do novo acceso ao Hospital de Vigo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar por mais de 1,5 millóns de euros (1.527.020,00 €) as obras do novo acceso ao Hospital de Vigo, tamén coñecida como a mellora da Avenida Clara Campoamor en Vigo, un vial que canaliza os tráficos desta nova infraestrutura sanitaria na Cidade olívica.
As tarefas preparatorias e de replanteo dos traballos realizaranse nas vindeira semanas, unha vez sexa asinado o contrato de obra, o que permitirá o inicio desta actuación no mes de marzo.
O obxectivo da actuación é dotar ao novo hospital de accesos axeitados (tanto ata a zona na que se ubicarán as urxencias coma cara entrada principal), desde a glorieta do segundo cinto de Vigo e desde a Avenida Clara Campoamor,
Para elo, ampliarase a capacidade da estrada existente ensanchando a súa plataforma, o que permitirá albergar dous novos carrís para o acceso directo ao hospital desde a VG-20, e un semienlace para a zona das urxencias deste centro hospitalario; executarase ademais unha nova glorieta para facilitar o acceso á entrada principal do hospital, e unha senda peonil para conectar esta glorieta norte coa zona próxima ás urxencias do centro
A actuación comeza na glorieta do enlace co segundo cinto de circunvalación de Vigo (VG-20), prevíndose a execución dunha nova saída exclusiva para acceso ao hospital. Esta saída contará con dous carrís, un para acceso exclusivo de urxencias e o outro que continua como vía de servizo ata á entrada principal do Hospital. O carril de uso exclusivo para urxencias cruza o río Barxa mediante un pequeno viaduto e desemboca na glorieta do hospital.
Así, a sección tipo da avenida neste treito engadirá aos actuais dous carrís por sentido outros dous carrís de acceso ao hospital.Nesta zona permítese, ademais, a saída dos vehículos desde a zona de urxencias do hospital cara a avenida.
Para complementar a actuación, construirase unha nova glorieta, que permitirá todos os cambios de sentido, na intersección entre a avenida Clara Campoamor e o acceso á entrada principal do centro hospitalario. Contará con dous carrís de 4 metros de ancho, beiravía interior de 1,5 metros e exterior de 0,5 metros.
Finalmente, executarase unha senda peonil para conectar esta nova glorieta coa que dará acceso ás urxencias do hospital.
O prazo de execución dos traballos será de catro meses, polo que as obras se finalizarán neste verán.
A poboación beneficiada é de máis de 430.000 veciños dos concellos que pertencen á área sanitaria de Vigo.











