A Ximnástica pode dar a badalada e sumar tres medallas no nacional de atletismo baixo teito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Un bo ramallete de atletas da Sociedade Ximnástica, ata 9 atletas, acudirán a Antequera para participar no Campionato de España Absoluto de atletismo en pista cuberta, no que se decidirá a selección nacional que acuda ao Europeo.

En dúas probas, os 800 metros e o salto de altura, haberá dobre representación da Ximnástica; nos 800 metros con Alberto Guerrero e Sergio García. Alberto con 1.49.77, está o mellor colocado no ranking coa sexta mellor marca. No salto de Altura con Manuel Molinos e Lysvanys Pérez. Foi o ano pasado neste Campionato cando nos primeiros saltos se lesionou Lysvanys, agora chega mellor preparado e coa cuarta mellor marca dos participantes, podendo pelexar por unha medalla.

Alberto Salcedo será unha das bazas máis importantes da veterana Sociedade, o ano pasado non estivo na cita por lesión e hai dous proclamouse Campión de España de 200 metros. Volve con forza xa que posúe a mellor marca dos participantes, con 21.37 e a 5 décimas está o segundo mellor tempo, toda unha garantía para poder estar no podio.

Julián Ortiz defenderá o bronce do ano pasado nos 60 metros valos, con 7.91 é a cuarta mellor marca dos saltadores de obstáculos e volve estar aí, na pomada polo podio.

Xa con menos opción de medalla pero aspirando a un posto de finalista, David Martínez nos 3.000 metros seguro que pelexará por un bo premio.

Gonzalo Sánchez pelexará tamén por un posto de finalistas nos 60 metros e a única representante feminina, Sandra Carballo, intentará facer unha gran marca no Pentatlon.

19 de febreiro de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.