A Ximnástica logra tres finalistas na primeira xornada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Julián non puido loitar polas medallas na final dos 60 metros valos. Saíu moi concentrado á pista de atletismo de Antequera, fixo marca persoal con 7.86, gañando a súa semifinal; só o superou Jackson Quiñóns con 7.77 na outra semifinal. Pero na final non superou moi ben o primeiro valo, o que lle restou velocidade de cara ao seguinte obstáculo, obrigándoo a pararse para evitar males maiores unha pena para un atleta que aspiraba a medalla, pero o atletismo é así, agora tócalle preparar a tempada ao aire libre. Aínda así Julián ten que saír contento da súa actuación coa marca persoal de 7.86.

Pola mañá, Alberto Salcedo deu unhas sensacións fantásticas na primeira rolda dos 200 metros, correndo en 21.61 e conseguindo a mellor marca dos clasificados para a semifinal. Nesta segunda rolda os atletas xa sacaron o mellor para intentar meterse na final e Alberto igualou a súa marca persoal baixo teito con 21.37; liderando de novo o ranking dos oito finalistas, con tres décimas sobre o segundo mellor tempo. Para a final do domingo ás doce menos dez, ten grandes opcións de repetir o título de 2013.

No salto de altura, Lysvanys Pérez, con 2,10 conseguiu unha magnífica quinta posición, estivo preto das medallas, xa que non puido saltar o listón colocado en 2,14; aínda así un posto de finalista non está nada mal; o seu compañeiro de equipo, Manuel Molinos, só chegou a superar os 2 metros, quedando na undécima posición.

Sergio García correu na primeira das catro semifinais de 800 metros, non quedaba outra que intentar gañala e a por iso foi, tivo unha saída discreta pero ao paso por meta da primeira volta xa encabezaba a carreira, ao final tres dos seus rivais superárono para rematar en cuarta posición. Por outro lado Alberto Guerrero, daba a sensación de que non acababa de arrancar na súa serie semifinal, pero íase bastante rápido, ao final entrou en meta en sexta posición deixándose un pelín ao final, ao ver que lle escapaba o posto de finalista.

A única representante feminina da Ximnástica, Sandra Carballo, tiña moi complicado loitar polos postos de cabeza aínda así fixo un Pentatlon nas súas marcas, mellorando un pelín nas probas de salto de lonxitude e lanzamento de peso e dous segundos os 800 metros; ao final totalizou 3.246 puntos, quedando a undécima clasificada, un posto máis do previsto.

21 de febreiro de 2015 | 20:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.