A Tradescola impartirá un obradoiro de instrumentos vexetais este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A TRADESCOLA, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, impartirá mañá en horario de 11.00 a 14.00 horas, un obradoiro de instrumentos vexetais que estará guiado polo músico e artesán Pablo Carpintero.

Os instrumentos de orixe vexetal, é dicir, aqueles construídos con elementos da natureza, como follas, canas, paus, etc. forman unha categoría de instrumentos tradicionais que poderiamos situar entre os instrumentos e os xoguetes, pois adoitaban ser feitos polos nenos con intencións lúdicas, pero ademais supuñan un xeito fácil de introducirse na música e de aprender a interpretar e manexar instrumentos sinxelos. Moitos foron os gaiteiros que empezaron tocando pipas de alcacén ou gaitas de cana e vincha de porco.

Aínda que as follas de seu non se consideran instrumentos musicais, a calidade da melodía que se pode tocar con elas e a dificultade que isto representa fai que os tocadores de folla sexan admirados como depositarios dunha arte musical dificultosa e meritoria.

6 de febreiro de 2015 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.