A tradescola achegou ao CEE Santa María de Lugo a música tradicional
A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos en Lugo, achegouse ata o CEE Santa María de Lugo para impartir un concerto de música tradicional que achegou a todos os presentes a nosa música e as nosas tradicións, dun xeito ameno e didáctico, amosándolles os distintos ritmos, instrumentos e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega, así como a evolución dos instrumentos e das formacións musicais que progatonizaron a historia da música galega. Este concerto estivo guiado polos mestres da Tradescola, Xose Lois Romero, Pedro David Lamas, Mª Carmen Saborido e Bruno Villamor.
Un dos obxectivos da Tradescola é normalizar e incrementar a presenza da música e da cultura tradicional galega na sociedade actual, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosos actos como charlas, exposicións, concertos, certames ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente a máis de 250 alum@s na rúa Pintor Corredoira nº 4, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co mundo da música, do canto e do baile tradicional.
O vindeiro sábado día 7 de febreiro será Pablo Carpintero, mestre da Tradescola, o encargado de impartir un obradoiro de instrumentos vexetais, no que entre outros, amosará como tocar cunha folla de hedra.
UNHA ASOCIACIÓN CREADA PARA A PROMOCIÓN DA MÚSICA TRADICIONAL
A AGG conta neste momento con máis de 800 asociados e asociadas distribuídas por todas as comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados a AGG ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país.
A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza.











